ANA ROMANÍ, PREMIO NACIONAL DE XORNALISMO CULTURAL

“Os medios públicos galegos teñen aínda pendente ser os medios galegos”

“Os medios públicos galegos teñen aínda pendente ser os medios galegos”
[Imaxe: Cedida] Ana Romaní
[Imaxe: Cedida] Ana Romaní  

Conversamos coa poeta e xornalista Ana Romaní (Noia, 1962) cando vén de recibir o Premio Nacional de Xornalismo Cultural. “Foi unha sorpresa moi emocionante”, admite. Ademais chegaba nun intre difícil para a súa carreira xornalística: antes do verán, a dirección da Radio Galega decidía suprimir o formato do Diario Cultural, o espazo que, durante 28 anos, se ocupou da materia na emisora pública. “Non comparto nin o criterio nin os obxectivos nin a fórmula actual”, di, en referencia á partición e reparto da información cultural ao longo da grella radiofónica. Eis un extracto da entrevista publicada no número 316 de Sermos Galiza.


2Que significa obter o Premio Nacional de Xornalismo Cultural do Ministerio de Cultura?

Foi unha sorpresa moi emocionante, realmente. Sobre todo polo momento en que chega. Dalgún xeito este premio ten un certo efecto reparador. Ás veces os premios teñen unha dimensión diferente en función do momento en que chegan. Neste sentido é para min reparador e gratificante, e ao mesmo tempo toma unha dimensión colectiva que me parece moi interesante e que me resulta moi grata.

Coincide coa desaparición do Diario Cultural tal e como existía. É un contraste gráfico: a emisora pública de radio rebaixa o seu traballo e, ao tempo, vostede é recoñecida profesionalmente no exterior.

Non sei que considerou o xurado á hora de valorar e de decidir o premio. Non sei se entrou esta cuestión no debate ou é casual. Pero a lectura que eu fago si ten esa dimensión colectiva. A situación actual, con toda a mobilización de #DefendeAGalega ou os Venres Negros, coloca no centro o debate sobre a función social do xornalismo. E é moi importante que traballadoras e traballadores da CRTVG formulen neste momento a necesidade de considerar e valorar a función social do seu labor e dos medios públicos. Os xornalistas ou o xornalismo non debe esquecer nunca esa dimensión social do seu traballo.

Esa reflexión sobre a función social tamén atinxe os medios privados?

Claro. Creo que nós como profesionais temos que estar sempre moi vixiantes. Que facemos? Para quen o facemos? Que función social está a cumprir? De quen é cómplice ou non o que facemos? Cómpre unha análise continua do propio labor. Dalgunha maneira esa función social da CRTVG está detrás destas mobilizacións e é, na miña opinión, moi relevante non só para os medios públicos, senón para os medios en xeral e para a sociedade.

Que papel deben cumprir os medios públicos de comunicación respecto da cultura?

Os medios públicos galegos teñen aínda pendente ser os medios galegos. É dicir, ir máis alá de ser medios en galego para se converteren en medios galegos. Con modelos propios, paradigmas propios, sobre o que significa a información e a comunicación nun país. Axendas propias, modelos propios e diferentes. E isto tamén é necesario na información cultural.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 316 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x