EMIGRADO EN LONDRES DESDE HAI CATRO ANOS

A mellor curta dos Óscar, con música do compostelán Nico Casal

A mellor curta dos Óscar, con música do compostelán Nico Casal
Nico Casal, na afombra vermella dos Oscar [publicada no Twitter do autor]
Nico Casal, na afombra vermella dos Oscar [publicada no Twitter do autor]  

A cerimonia dos Oscar trouxo boas noticias desde Hollywood: o filme 'Stutterer' (Tatexo) foi a gañadora do premio á mellor curta. E o compositor da súa banda sonora é o compostelán Nico Casal, que reside en Londres desde hai catro anos. 


O compositor e pianista asistiu á gala xunto con outros membros do equipo de 'Stutterer'. Á saída declaraba para a Radio Galega “as pernas trémenme moito, chorei moito e agora estou moi tranquilo. Isto é moi forte. O que estou vivindo é surrealista, levo anos vendo galas dos Oscar e hoxe mesmo  puiden falar con Thomas Newman, que é un compositor de bandas sonoras que admiro moito”.

Casal recoñecía que “non agardábamos isto para nada, era demasiado bonito. Agora imos intentar asimilalo”. Participou na curta poñéndolle música logo de coñecer ao seu director -o irlandés Benjamin Cleary- de casualidade nunha partida de ping-pong. Nin el nin o resto do equipo cobraron nada. Só o actor protagonista o fixo. “Considérome moi afortunado porque esta curta fíxena como fixen outras moitas, e non agardaba estar aquí. Espero a partir de agora seguir traballando e disfrutar moito de cada proxecto”, destacou. 

O filme nominado, 'Stutterer' (Tatexo), xa acadou máis dunha ducia de premios antes de chegar á alfombra vermella de Hollywood:  mellor filme estranxeiro no LA Short Fest, premio da audiencia no DC Shorts Film Festival, no OFFLine Film Festival, no Savannah Film Festival e moitos máis. 

Casal é un pianista e compositor compostelán que reside en Londres desde hai catro anos e se dedica a crear bandas sonoras para filmes, publicidade e tamén teatro. Acadou en 2015 o premio á Mellor Banda Sonora no Festival de Cans polo seu traballo filme 'Unary', e en 2013 o galardón á Mellor Música Promocional nos premios Jerry Goldsmith por un anuncio para o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa. Proximamente estrearase 'María y los demás', dirixida por Nely Reguera, que contamén conta con banda sonora do seu selo.

STUTTERER - TRAILER from benjamincleary on Vimeo.