Memoria e coñecemento das parroquias de Redondela

Memoria e coñecemento das parroquias de Redondela
Cesantes visto desde a Illa de San Simón. Foto: Galipedia.
Cesantes visto desde a Illa de San Simón. Foto: Galipedia.  

Ás veces, algunhas veces, o máis próximo é o máis descoñecido. A riqueza á porta da casa non se aparece co mesmo brillo que as máis afastadas. Ese patrimonio material e inmaterial inmediato é que o o Servizo de Normalización Lingüistica de Redondela se propón “valorizar” cunha serie de cadernos sobre as parroquias escritos por veciños e veciñas.
 


cuberta ventosela

“Cómpre entender a cultura desde as parroquias”, sinala Xurxo Martínez, responsábel técnico de normalización lingüística do Concello de Redondela, “e tratar de saír dos espazos urbanos onde se adoita concentrar a actividade cultural”. Tres volumes, dedicados a Cesantes, Ventosela e Trasmañó, inauguran unha colección cuxo obxectivo é cubrir as 13 parroquias do municipio.

“Da Telleira non quedaba xa nin a súa presenza; as matogueiras, silveiras, mimosas, piñeiros e outras árbores e arbustos enchían o espazo agochando un pasado artesanal ben importante social, económica e culturalmente”. Así escribe Lola Míguez sobre Cesantes, parroquia con cinco lugares -un deles, a Illa de San Simón- e case 3.400 habitantes. Porque unha das singularidades destes libriños é que os redactan veciñas e veciños.

“Procuramos implicar a veciñanza no eido cultural desde aquilo que, precisamente, coñece mellor e observa decote”, engade Martínez. Os textos teñen ademais “un estilo literaturizado para así facilitar a lectura”. Olga Nogueira encargouse de Ventosela e Xurxo Constenla, de Trasmañó. As cubertas pintounas o artista Ángel Barros, tamén residente no concello.

A serie de libros, de distribución gratuíta, presentáronse o pasado 8 de novembro. Pero cada un dos títulos contará, ademais, con actos propios en cadansúa parroquia. “Nun tempo de tanta lectura virtual en redes, pensamos que era bo volver ao tanxible e que nas casas da xente de Redondela haxa libros que falen da súa cultura, da que viven de preto e teñen ao carón”, conclúe Xurxo Martínez.

Nota: cuberta do caderno dedicado á parroquia de Ventosela. A ilustración é de Ángel Barros.



x