A Mesa esixe á Xunta que acompañe a mobilización social por un galego “en crise”

A Mesa esixe á Xunta que acompañe a mobilización social por un galego “en crise”
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e a técnico do Observatorio polos Dereitos Lingüísticos da entidade Sara Seco. Foto: A Mesa.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e a técnico do Observatorio polos Dereitos Lingüísticos da entidade Sara Seco. Foto: A Mesa.  
Unha análise máis demorada da enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o “uso habitual e inicial do galego” serviulle á Mesa pola Normalización Lingüística para concluír que “a lingua galega está en crise”. E, de paso, esixirlle á Xunta que acompañe a mobilización social en defensa do idioma.

Nunha comparecencia ante a prensa, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, e a técnica do Observatorio de Dereitos Lingüísticos Sara Seco afirmaron que, de non ser “pola mobilización social, habería unha situación de desfeita lingüística”. A asociación tamén detecta nos datos recollidos polo organismo público “vontade social de reparación lingüística” e a ela remite.

A perda de falantes “especialmente no ámbito urbano” e a “fonda diglosia nas relacións sociais” son os dous elementos que máis preocupan á Mesa. “O ámbito familiar é no que máis se usa a lingua galega. Descende un 15% fóra do fogar”, indicou Maceira. O uso baixa cando se pasa da esfera privada á pública, o que revela o fenómeno chamado “diglosia”. “Esta situación favorécea a sistemática vulneración de dereitos lingüísticos e a exclusión do idioma de Galiza de gran parte dos ámbitos de uso”, engadiu.

Marcos Maceira puxo ademais o foco sobre “un efecto aterrador” do “mal chamado Decreto do Plurilingüismo”. Refírese a que o 30% da mocidade de entre 5 e 15 anos non saben escribir galego, un de cada catro no mesmo tramo de idade non saben falalo e o 18,3% non saben lelo. “Por primeira vez na historia, un estudo indica que un de cada catro estudantes de primaria e secundaria na Galiza non sabe falar galego”, afirmou.

O remedio, ao seu ver, pasa “por garantir o galego como lingua vehicular de todos os tramos educativos”. A lexislación aprobada polo primeiro Goberno de Alberto Núñez Feixoo, que supuxo o primeiro retroceso normativo do galego no ensino dos anos da Autonomía, impídeo “con consecuencias terríbeis para o alumnado galego”.

A escrita en galego “como práctica reparadora”   
No apartado positivo das cifras, A Mesa pola Normalización Lingüística percibe “a vontade dunha importante parte da poboación galega por manter o uso da súa lingua a pesar dos impedimentos”. “Salientamos o aumento das persoas que escriben en galego como un acto consciente que nalgúns ámbitos pode ter consecuencias”, explicou Marcos Maceira, quen concluíu que “o único amparo ás e aos galegofalantes provén da propia sociedade, de centos de entidades sociais, entre eles da Mesa”.