As mil vidas da banda deseñada galega

As mil vidas da banda deseñada galega
Creación de Miguel Anxo Prado en "A Viñeta de Schrondinger"
Creación de Miguel Anxo Prado en "A Viñeta de Schrondinger"  

A banda deseñada galega atravesa un vizoso intre creativo pero complexos problemas estruturais. As dificultades editoriais ou a falta de apoio institucional atópanse entre os máis citados. Porén, a aparición de autoras e autores non cesa. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 310 de Sermos Galiza.


5Canción para afundir flores no mar é unha obra lírica. Xoga, xustamente, coa idea e a estrutura de canción. Os temas e as formas veñen e van, as asociacións son libres e por veces repítense, a xeito de retrousos, as imaxes arrímanse á poesía. De fondo, certa trama autobiográfica pola que cruzan cadreladas pequenas historias. É o último premio Castelao de banda deseñada -creado pola Deputación da Coruña-, obra de Oliver Añón (Barcelona, 1982), e mostra de que a renovación do xénero na Galiza non se detén. Malia as dificultades, case sempre estruturais e nas que coinciden os consultados por Sermos Galiza.

“A nivel institucional, apenas hai pequenas ínsulas. O Xuventude Crea, da Xunta, pero xa non é un formato útil, porque deixou de publicar os gañadores. O apoio do Concello da Coruña ao Viñetas desde o Atlántico, que é un milagre. E o premio Castelao da Deputación”. Quen traza este panorama é Kiko da Silva (Vigo, 1979), infatigábel activista, debuxante e profesor de cómic. De feito, ante as carencias institucionais, é dos que vai alén da protesta. En 2012 fundou a primeira escola profesional de banda deseñada de Galiza, O Garaxe Hermético -nome en homenaxe a Moebius-. E a súa última aventura nas publicacións períodicas, A viñeta de Schrödinger -editada pola Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega- supón, arestora, a única revista especializada e profesional.

“Desde Golfiño, non había unha publicación dedicada á BD e que pagase as colaboracións”, indica, “hai quen pensa que o formato está morto e non ten sentido. Eu, porén, entendo que é importante para que se vaian forxando novas autoras e os lectores poidan descubrilas”. O formato da novela gráfica é agora dominante, pero esixe un nivel de control e dedicación que aos noveis, entende Da Silva, lles pode quedar lonxe. El mesmo traballa nunha, Baixo a sombra das pedras flotantes, desde hai sete anos. Fáltanlle 40 páxinas e publicarase en galego da man de Xerais e en castelán da man de Norma. 
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 310 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos os quiosques ]