ENTREVISTAMOS TERESA RAMIRO

"A miña poesía non é pesimista; é realista, porque a vida non é fermosa"

"A miña poesía non é pesimista; é realista, porque a vida non é fermosa"
[Imaxe: Cedida] Teresa Ramiro
[Imaxe: Cedida] Teresa Ramiro  

“Un ronsel de lúas e marés baixas / deixaron en min / vestixios de artrose e reuma”, di Teresa Ramiro (Culleredo, 1958) en “Fendas de salitre”. É un dos poemas de Fundido a negro (Caldeirón, 2019), o primeiro libro dunha muller que escribe desde que ten memoria. Activista de “toda causa xusta, da mina de Touro á fraga de Catasós”, preocúpalle a situación das persoas con dependencia. “É sangrante como está”, argumenta, e relata que a súa filla o sofre directamente. Non obstante, nega que a súa escrita sexa pesimista. Eis un extracto da entrevista publicada no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza.


m7_FS_EntrevistaQue é o que se funde a negro nos seus poemas?

O título vén de que un dos meus fillos, hai moitos anos, participou nun filme. No guión, ao final, puña: “Fundido a negro”. Daquela eu pensara: claro, a vida son escenas, está composta de escenas, e ao remate fúndese todo a negro. Gustoume a idea e tíñaa gardada. Cando decidín darlle título ao libro, o primeiro que lembrei foi iso. Logo está a imaxe do tren, porque a miña vida son estacións, apeadoiros, xente que sobe aos vagóns, xente que baixa, sensacións, emocións, un pouco de todo. É un percorrido. Eu nacín en Vilaboa, e a dous quilómetros, a carón da ría do Burgo, pasaba o tren. Aínda pasa, pero non con tanta frecuencia como antes. Aí xurdiu a imaxe da cuberta. É algo especial, unha vía cara a algures, cara a moitos sitios, pero a ningún sitio en concreto. As súas cores son o negro, o negro da vida, o branco, o gris, os diferentes tons. E os escaramuxos. Porque por moi dura ou moi difícil, por moitas circunstancias negativas que teña a vida, hai momentos sumamente positivos. De aí xorden tamén os escaramuxos, esas floriñas que non son máis ca unha silveira florecida.

É certo, no libro moitos poemas son como escenas.

Case todos neste libro, si. Busquei máis ou menos os poemas axeitados, pero a maioría son momentos, escenas. Moitos veñen dados dunha imaxe, dunha persoa. Xorde a imaxe e a raíz de aí o poema.

Fundido a negro tamén cadra con certo aire pesimista que percorre as páxinas.

Non. Non é pesimista. Dimo moita xente, e eu síntoo, pero teño que dicir que non son poemas pesimistas. Son poemas realistas, porque a vida non é fermosa. A vida está chea de complicacións, de cambadelas, de trabas, de problemas. Por que sempre reflectir o fermoso, o amor, todo o bonito? Non. A realidade non hai por que ocultala. A morte existe. E acompáñanos. Non ten sentido a vida sen a morte. Por moito que nos empeñemos en exaltar a vida, a morte vai parella á vida, é a sombra da vida. Eu son incapaz de facer un poema de amor. Por moito que queira, e teño unha parella marabillosa. Pero o único poema de amor é dedicado a dúas persoas estupendas, amigas, o único que fun capaz de escribir. As circunstancias da miña vida a maioría das veces foron así, como os poemas, realistas.

E que pode a poesía contra esas circunstancias?

Eu escribo poesía desde que teño uso de razón. Afortudamente todos evolucionamos, melloramos, aprendemos… Para min a poesía son vagóns dun comboio. Noutro tempo, foi baleirarme, baleirar emocións, negatividade. Outras veces non, ao contrario, foi encherme, satisfaccións. A poesía é o día a día, é a vida, é o camiño. Non sei definila exactamente. É todo. Calquera cousa é poesía, calquera situación, calquera idea, calquera sentimento. A poesía atópase en calquera lugar.

En calquera lugar si, pero que ten o mar que a atrae tanto?

O mar desde sempre me gustou. No libro hai un poema dedicado a Olga, unha veciña miña. Eu tiña seis, sete anos. Estiven paralítica de pequena, non podía saír á rúa. O primeiro contacto que tiven co mar foi a través desta muller, que ía porta por porta vendendo berberechos. Logo empecei a ler e lembro os poemas de Rafael Alberti relacionados co mar, exercían unha maxia especial en min. E desde aí até hoxe. Podo pasar horas e horas contemplando o mar, dá igual que estea calmo que non. De feito moitas veces, cando teño tempo, vou a Serantes fronte á Marola [na ría da Coruña] e ver aquel mar que racha contra os cantís inspírame, reláxame, é unha paréntese no tempo. Sentes emocións pero estás como parada no tempo. É unha sensación máxica e marabillosa. Na súa escrita non aparece unicamente o mar, senón a natureza en conxunto. Sempre o digo: eu nacín en estado salvaxe. Nacín no medio do monte, na última casa que había. Porque nacín na casa, non nun hospital. Cunha horta e unha finca. O resto era monte, a zona da Zapateira… Non había casas. Ao carón da nosa había un piñeiral e logo unha leira de trigo. Iamos para alí xogar e a miña nai levábanos o xantar. Foi unha infancia moi feliz, moi gratificante. Despois na nosa horta había flores, plantas, vexetais, unha fonte, un lavadoiro ao que ía toda a xente da contorna… A nosa horta sempre estivo aberta, sen cancelas. Crieime nese ambiente, con animais, con plantas, no medio do monte. A natureza impregnoume.

Fundido a negro contén varios haikus e vostede tende moito a reducir os poemas, á síntese.

Son concentrados, si.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]