ESCOLMA DO PAPEL

Mini e Mero: "A memoria é semente de liberdade"

Mini e Mero: "A memoria é semente de liberdade"
[Imaxe: SG] Mini e Mero
[Imaxe: SG] Mini e Mero  

Nas escolas en que foron mestres, na recollida da tradición popular, na súa traxectoria musical ou nas homenaxes e iniciativas promovidas, Mini e Mero ofrecen o seu compromiso co país e a súa lealdade a uns principios que conducen cada un dos seus pasos.

A súa recuperación da memoria iníciase na recollida da nosa cultura tradicional. Como decidiron implicarse nese labor?

Mero: Eu instaleime en Mesía no ano 1976 e Mini en Boimorto no ano 1983, unha terra distinta da nosa Terra Chá de orixe e metémonos a fondo. Comezamos a recoller e así os nosos amigos sempre foron vellos que, infelizmente, fomos perdendo. Abríannos as casas e o que nos ensinaban trasladabámolo aos centros de ensino. Metiamos o nariz en todas as cousas e fómolas facendo xuntos e iso reconforta porque moitas delas non as levariamos a cabo individualmente.

Mini: Moitos mestres da nosa xeración partimos do suposto de que a escola está ao servizo da comunidade. Non serve só para transmitir coñecementos senón que ten que contribuír á modernización do país. Tocounos unha etapa moi rica, en que fomos gañando espazos de liberdade. Tiñas que ir buscando e preguntándote, por exemplo, por que aparecía un cantar e, ademais, responder a todas as preguntas que os vellos nos facían. Comezas a reconstruírte, a regresar ao teu e, ao mesmo tempo, camiñar cara a diante. Como mergullarte no país e na tradición mais sendo mestre, non un labrego, ocupando o meu posto como un máis.

Para vostedes esa implicación coa terra e coa veciñanza parece que vertebra dalgunha maneira toda a súa actividade.

Mero: Tamén a memoria. Caemos nunha zona de escapados e fuxidos. Ao pouco de estar aquí comezamos a coñecer enlaces e mesmo guerrilleiros. Ponte Pedreira, o Asturiano ou Foucellas, son de aquí. Recollendo o folclore chegaba un momento en que atopabas sempre o silencio, sempre o mesmo silencio.

Mini: Difícil de romper, ademais, porque eramos novos e de fóra.

Mero: Mais, co paso do tempo, gañas confianza e comezan a contar. E, cando o recibes, tes a obriga de contalo, de dicir que se mentiu, que nos negaron a nosa historia. Con esa memoria tes dúas opcións, ou calar ou contar as cousas tal e como sucederon. Decátaste de que nos contaron moitas mentiras cando o que aconteceu foi un xenocidio.

Mini: A nosa é unha xeración de ollos tapados, unha situacións da cal intentas saír como podes, mais sen estudos históricos aos que te agarrar. Aquí houbo vencedores e vencidos e ves que aínda hoxe hai quen non quere que nada se mova. Romper iso no rural é moi difícil. Unha realidade son os foros teóricos e outra o cotiá. Enterrouse a memoria e a ilusión da xente. Memoria dos fusilados, dos represaliados, das vellas sachando no millo, das mestras e mestres perseguidos, daquela xente que calou a historia e agora queremos que se conte.

Poñerse de parte das vítimas, homenaxealas e descubrir os seus nomes. Descubrir a verdade conduce a iso?

Mero: A cen metros de onde estamos a falar está o cuartel de onde saíron os berros de Hortensia Mosqueira cando lle pegaron unha malleira por non se deixar forzar por un cacique. Ao pouco morreu. Moita xente oíu e lembra os seus berros, mais era algo segredo. Eu fixen un poema con ese tema que todo o mundo sabía. Feitos como estes obríganos a unha reestruturación dos silencios, dos medos. O outro bando sabe que a memoria é semente de liberdade, e canta máis haxa, peor lles irá. Non interesa ter memoria, saber quen foron os verdugos.

Mini: O campo permanece no pasado, sen ningunha ilusión colectiva porque a mataron no '36. É difícil traducir a transición cando vives aínda co carrexo de votos en cada elección e prácticas antidemocráticas.

Polo que contan, semella como se todo nacese da súa condición singular de mestres.

Mini: Vai todo unido. Non consinto que se cante unha canción sen contextualizar porque estamos a nos referir a xente que desapareceu. Xa non se lembra, poño por caso, o home que facía o palleiro. Recoñecelo é darlle estima como persoa, facelo cidadán de primeira que é o que todos temos que ser nun mundo xusto.

Mero: Estudamos maxisterio porque era a única saída en Lugo para as persoas que non podíamos ir a Santiago. Cando comezamos a traballar decatámonos de que non había material en galego e que non podías darlle clase á rapazada noutra lingua. Botámonos a elaborar materiais e fixemos que as rapazas e rapaces recollesen nas súas casas e aldeas. E vías que resultaba tanto para os cativos como para a veciñanza. A xente apoiábanos e vía que faciamos parte da sociedade, faciamos cousas con eles. Convertiamos os alumnos en protagonistas do feito educativo. Eu, por exemplo, aparezo nalgunha das cantigas que recollín onde falan dun mestre que falaba galego. Pasas a formar parte da paisaxe.

Mini: Cando chego á primeira escola vexo que os rapaces non entenden e comezo a reflexionar desde cero. A miña máxima era servir ao meu país coa miña profesión.

E a música? Recollida e memoria. Dúas palabras que están na súa traxectoria musical, desde a súa etapa en Fuxan os Ventos até agora con A Quenlla ou como dúo.

Mini: Todo vai unido. Non cantamos para a xente senón desde a xente. Embarcámonos na canción desde o empuxe do cura Xesús Mato, coas ansias de cambiar o mundo con que se forma o primeiro Fuxan os Ventos. Atopámonos co país de verdade, o que se abandonara e ao que cumpría regresar. A canción era un medio de concienciación social,de revolución, de loita cultural. Cremos na loita cultural e queriamos devolverlle o orgullo ao país. Non eramos conscientes do moito que supoña naqueles setenta que un grupo de sona e fama, que soaba na radio, subise e cantase en galego cousas dos labregos.

Mero: Non só iso, senón que amosabas a honra que tiñas de te expresar así. Obrigábanos a un compromiso que nos levaba tamén a renunciar a moitas perversións. A recuperación da memoria, no noso caso, ten que desembocar nunha canción porque nós non podemos calar unha parte tan importante da nosa historia.

Continúan coas mesmas ansias? A súa presenza en centos de actos polo país enteiro fala dunha singular “militancia cultural”?

Mini: Sabes por que o facemos? Porque vivir na aldea revaloriza a normalidade. Váleme máis a canción tocada a capela nunha taberna que a enorme sonorización dalgún concerto. Seguimos a ser activistas culturais. Non é lóxico que este país non teña oportunidade de gozar da poesía de Manuel María ou Ramón Cabanillas, ou mesmo o romance do Comandante Moreno. Nós temos a oportunidade de levarllo. Algo que aprendemos en Fuxan é que para ser libre tes que considerarte libre. Queremos estar co país e andar con el. Procuramos estar co asociacionismo cando nos chaman. Nun momento como este, ademais, que é moi difícil ter actividade, nós imos cando se trata de apoiar causas xustas, a solidariedade con aquelas persoas que sofren.

Mero: As ideas que defendiamos seguen sen estar cumpridas. A nós non nos salvou nin a democracia nin o parlamento nin o Estado español. Cómpre continuar a loita pola dignidade.

Mini: Ás veces preguntámonos que seguimos a facer aquí, cando o campo está morto... É porque sabemos que se vai volver e nós estaremos aquí cando pase. Porque seguimos crendo nisto.

Considéranse iniciadores da música popular galega?

Mini: No inicio estabamos varios. Era un fenómeno que se tiña que dar e cadrounos estar alí en grupo, cunhas guitarras e, sigo dicindo, un cura, esa gran persoa e musicólogo que é Xesús Mato, que nos vai permitir acceder ao noso folclore. O que si somos, posibelmente, é responsábeis de reintroducir a linguaxe popular galega, mesturar a música tradicional coa de combate e facer mesmo da música tradicional, música de combate. Podes tratar un problema desde a analítica panfletaria ou desde o corazón, como acontece nun tema como “Muller”. Fomos criticados polo didactismo e sufrimos mesmo o ostracismo, mais nós sabemos onde está a nosa forza, neste mesmo campo.

Mero: Hai xente que mesmo nos chega a preguntar se temos discos gravados e quen nos segue relacionando con Fuxan.

Despois de tanto tempo fóra do grupo?

Mero: Estivemos desde a fundación e marchamos no 82.

Mini: Daquela máis do noventa por cento do que se cantaba era noso, mais no momento de marchar o país non estaba para discusións. A ruptura de Fuxan foi política e ao saír nós xa deixa de cumprir o cometido que tiña. Naceu reclamando liberdade, defendendo a nosa cultura e exixindo xustiza e democracia. Iso está nas cancións.

Mero: Nos defendiamos seguir naquela liña de compromiso e daquela comezaron a falar de ir á grandes actuacións, grandes eventos. De todos os xeitos, a historia deste país non se pode negar e iso foi o que se fixo no revival recente.

Como sobreviven nunha crise que afecta tanto á cultura?

Mero: Para nós foi sempre difícil sacar discos, mais neste tempo de crise temos a intención de publicar tres ou catro, máis combativos que nunca.

Mini: A cultura deste país vai sufrir un gran golpe, mais agardo que renaza máis libre, sen o dominio de quen a quixo dominar a través de subvencións.

[Esta entrevista foi publicada no número 9 de Sermos Galiza, publicado o 3 de agosto de 2012]



x