Mochilas “viaxeiras” para sentir a música

Mochilas “viaxeiras” para sentir a música
[Imaxe: Concello de Nigrán] Unha muller porta unha das mochilas
[Imaxe: Concello de Nigrán] Unha muller porta unha das mochilas  

Unha acción pioneira do Concello de Nigrán permite que as persoas con xordeira e hipoacusia de toda Galiza gocen dunha forma de cultura que até o de agora non lles era accesíbel, podendo desfrutar dos concertos ao vivo grazas a unha nova tecnoloxía que transforma o son en vibracións.


Coti, Rozalén, Greenwater, Roi Casal, Nós Grupo, Los Marcianos, Troka Jazz Quartet, Sheila Patricia, Ari Magritte, Tatum, Epoje, Walter César López... non perden unha. Como se dunha tropa de groupies con gustos do máis ecléctico se tratase, percorren concertos e festivais por toda a xeografía galega.

Pero non se trata de adolescentes con tantos cartos como tempo libre, senón de cinco mochilas propiedade do Concello de Nigrán que permiten que as persoas xordas ou hipoacúsicas poidan gozar da música ao vivo.

Mirián Aller, a intérprete de lingua de signos que acompaña as mochilas alá onde van, explica para Sermos Galiza o seu funcionamento: “As persoas lévanas no peito ou nas costas, e o que fan basicamente é transformar o son en vibración grazas a estar conectadas á mesa de son por un UHF que reparte de forma wifi esa sinal. Esas vibracións non se notan todas ao mesmo tempo, senón que varían entre máis suaves e máis fortes segundo as notas sexan máis agudas ou máis graves”.

Ademais, engade que as mochilas “tamén contan cun lazo indutivo que permite que as persoas cunha prótese auditiva, xa sexa un implante coclear ou un audífono, poidan escoitar con maior nitidez a música ao eliminar o ruído ambiente, co que a voz do cantante lles chega moito máis clara e directa”.

Gran recepción entre o colectivo de persoas xordas

“Impactante”, “abre os ollos a un mundo diferente” ou preguntarse emocionadas se realmente “isto é música” son algunhas das reaccións que provocaron entre as persoas usuarias, tanto nas actividades organizadas polo Concello de Nigrán como noutras para as que as cederon.

mochilas nigrán interiorA xente é todo sentimento, resulta moi emocionante ver como senten a música, levan o ritmo bailan... de feito, dúas persoas, unha parella na que unha é xorda profunda e a outra leva un audífono, pasaron por todos os sitios nos que estiveron as mochilas”, relata Mirián Aller.

A Jonathan Vicente, persoa con problemas auditivos recentes e que tocaba o saxo tenor, as mochilas sorprendérono, xa que “funcionan de marabilla”. “Gústame moito a sensación que produce, é moito máis impactante que cando te pegas a un bafle para poder sentir as vibracións", apostila.

E, pola súa banda, desde a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galiza afirman que para eles “calquera avance que se dea en favor de que todo o mundo poida acceder a contidos de ocio e cultura, así como en calquera eido da vida, sempre vai ser positivo”.

Pioneiras da integración

As mochilas estreáronse en agosto deste ano no festival Chan de Folk, logo dun investimento de 6.000 euros, e converteron Nigrán no primeiro e único municipio de toda Galiza -e no segundo de todo o Estado após Madrid- en contar con esta novidosa tecnoloxía.

O Concello indica a Sermos Galiza que apostan por ceder as mochilas a quen as pida: “Sempre que se nos asegure que se cumpre un protocolo que garanta a súa seguridade, e que inclúe que vaian sempre acompañadas da intérprete coa que traballamos”.

Así, en localidades como Pontevedra, para o concerto de Rozalén; Poio, no de Coti; ou Vigo, co gallo do festival Cantares por el Camino en Villa Solita, as persoas xordas que se atopaban entre as asistentes tiveron a posibilidade de experimentaren as sensacións únicas da música a través dunha ferramenta que a intérprete Mirián Aller define como “un investimento en igualdade, non un gasto”.