Morre Agustín Fernández Paz, o autor máis querido das letras galegas

Morre Agustín Fernández Paz, o autor máis querido das letras galegas
Agustín Fernández Paz [AELG]
Agustín Fernández Paz [AELG]  

Hoxe morreu por volta das 07.00h en Vigo, e logo dunha longa enfermidade, Agustín Fernández Paz, o autor máis querido da nosa literatura, o máis traducido a outras linguas e un dos máis vendidos. Esta quinta feira 13 de xullo, terá lugar un acto na súa memoria no Tanatorio de Pereiró (Vigo).


Non esaxeramos cando dicimos que Fernandez Paz é posiblemente un dos personaxes máis aprezados da nosa cultura, tanto pola súa bonhomía como polo seu compromiso inquebrantable coa lingua, coa cultura galega e con todas as causas xustas do planeta. 

En 2012, a asociación ProLingua, da que formaba parte, organizou unha homenaxe nacional moi concorrida na súa honra. Foi recoñecido con múltiples premios e recoñecementos, tanto a nivel nacional como internacional. Tamén con algúns que mesmo rexeitou, como foi o caso do Premio da Cultura Galega das Letras de 2010, que declinou por mor da política en contra do galego levada a cabo pola institución que llo concedía, a Xunta de Galicia, que viña de promulgar o tristemente famoso Decreto do Galego. 

Hai pouco, ao fío da inauguración da presenza galega na Feira de Bos Aires, afirmaba: "Comprendo que Feijoo ten que estar nesa foto (...). Mais non debemos esquecer que o señor Feijoo é o primeiro responsable dos ataques feroces contra a lingua e cultura galegas, especialmente eficaces durante a campaña previa e a súa primeira lexislatura". 

Extensa obra

Autor dunha extensa obra, 67 libros, maiormente no ámbito da literatura infantil e xuvenil, Fernández Paz tamén ten publicado ensaio e libros divulgativos, especialmente relativos ao mundo da lingua e da normalización, no que estaba moi implicado. 

Rexeitou o Premio da Cultura Galega das Letras de 2010 por mor da política en contra do galego levada a cabo pola institución que llo concedía, a Xunta de Galicia, que viña de promulgar o Decreto do Galego. 

‘Cartas de inverno’ (Xerais, 1995), o seu libro máis vendido, está a piques de chegar aos 100.000 exemplares só en galego. Xerais, a súa editorial de sempre, proxecta lanzar unha edición especial da que é a súa obra de ficción máis vendida (e a segunda en toda a literatura galega, só por detrás de ‘Memorias dun neno labrego’, de Neira Vilas). 

O autor máis traducido

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947 - Vigo, 2016) é tamén o autor máis verquido a outros idiomas da literatura galega, con 115 traducións a 16 linguas diferentes, segundo datos de Iolanda Galanes, investigadora do proxecto Bitraga da UVigo. Ten preto de 50 traducidas para o español, máis de 30 ao catalán, unhas 20 ao euskara, e tamén ao asturiano, portugués, francés, árabe, coreano, italiano, inglés, búlgaro, bretón e esloveno, entre outras. 

Os fíos da vida

A Agustín gustáballe dicir que “todas as historias se tecen cos fíos da vida”, que é ademais o subtítulo da súa web e tamén a frase que elixiu para definirse no Twitter despois de “Vivo en Vigo e escribo libros”. Nun pequeno texto autobiográfico da súa web explícao así: “Todos os libros que escribín, coma as tramas dunha tea, están feitos combinando os fíos da miña vida. Calquera persoa que os lese e coñeza a miña biografía atopará un paralelismo constante entre as dúas realidades. Unhas veces máis enmascarada que outras, a vida de calquera escritor discorre por baixo das súas obras”.

‘Cartas de inverno’ está a piques de chegar aos 100.000 exemplares vendidos só en galego. Xerais proxecta unha edición especial para celebralo.

E tamén se define do seguinte xeito: “Diría que son unha persoa que atopa pracer en inventar historias e contalas por medio da escritura. Un contador de historias, aínda que isto sempre debería colocalo en segundo lugar, porque o que de verdade me gusta é ler o que escriben outras persoas. E ler e escribir, como ben sabemos, son as dúas caras dunha mesma moeda. As historias, os libros: o fío invisible que nos une a todas as persoas do planeta”.

Galardóns

Os seus libros obtiveron numerosos premios, tanto a nivel galego como internacionall (Merlín, Lazarillo, Edebé Xuvenil, O Barco de Vapor…). Foi recoñecido dúas veces como o mellor autor do ano e recibiu en dúas ocasións o premio ao mellor libro de LIX do ano, que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. O seu libro ‘O único que queda é o amor’ obtivo en 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil que concede o Ministerio de Cultura de España.

É o autor da literatura galega máis verquido a outros idiomas, con 115 traducións a 16 linguas diferentes. 

Foi designado catro veces ao Astrid Lindgren Memorial Award, nos anos 2008, 2009, 2010 e 2013. Varias obras súas foron incluídas no Catálogo White Ravens da International Youth Library de Múnic. E en 2011, foille outorgado en México o VII Premio Iberoamericano SM de la Literatura Infantil y Juvenil, en recoñecemento á súa traxectoria literaria. E a OEPLI acordou designalo como candidato español ao Premio Andersen 2012.

En xaneiro do ano 2013, foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

Perito e mestre

Fernández Paz estudou para perito industrial mecánico na Laboral de Xixón, e tamén era mestre e licenciado en Ciencias da Educación. Como docente traballou durante máis de trinta anos, nos distintos niveis do ensino primario e secundario. Alén disto, desenvolveu unha ampla actividade teórica e divulgativa, centrada en temas como a promoción da lectura, a didáctica da lingua ou a normalización da lingua galega nos ámbitos escolar e social. Tamén tivo un papel relevante na elaboración de materiais didácticos de lingua e literatura.

Capela ardente 

A capela ardente será instalada na Sala 9 do Tanatorio de Pereiró (Vigo) a partir das 17.00h. Así mesmo, mañá terá lugar un acto na súa memoria no Salón de Actos do propio Tanatorio a partir das 19.00h. O corpo será incinerado e os seus restos trasladados a Vilalbra, a súa vila natal, onde se atopa soterrada a súa familia. 



x