Morre B. B. King, a lenda do blues

Morre B. B. King, a lenda do blues
Tom Beetz
Tom Beetz  

A historia do blues tornouse máis triste na madrugada desta sexta feira coa morte nas Vegas, aos 89 anos, de B.B. King, unha lenda da música. 


Como o “rei do blues” que era, a morte de B.B. King conmocionaba na mañá desta sexta feira 15 de maio o mundo musical do mundo enteiro. Malia a súa avanzada idade e os seus problemas de saúde -padecía unha diabete pola que xa fora ingresado no mes de abril, a súa condición de inmortal dáballe á noticia en poucos minutos entidade de gran acontecemento. 

B.B. King conseguira a condición de inmortal había xa moitos anos, ao tempo case que se convertera no “Rei do Blues”, unha música ao que lle deixa a súa propia impronta, a maneira de interpretar coa que creou escola, acompañado sempre das súas guitarras eléctricas, da “Lucille” que se converteu tamén en obxecto de culto. 

A guitarra do blues

Dise que B.B. King comezou tocando na rúa e tivo uns inicios difíciles, perseguindo o futuro coa súa guitarra. Viña do Mississippi, dunha plantación de algodón na que nacera en 1925 e na que traballaba desde ben neno, territorio para o que crearía a banda sonora da súa vida.  Ao vivo vai forxando o seu nome na historia dun blues ao que lle imprimiu a súa pegada, un estilo que respondía a súa natureza musical, intensa, melancólica por veces e potente noutras. Anos houbo nos que a súa banda facía tantos concertos como días e foi así que se forxou a súa lenda. O seu nome tornouse indispensábel nos festivais de jazz e bandas como Rolling Stones ou U2 devecían por telo como convidado nos seus concertos. Moreas de premios, algúns dos máis prestixiosos da música mundial, fóronse sumando a súa traxectoria ao tempo que medraba a súa xenerosa discografía. 

O B.B. de “Blues Boy” do seu nome artístico pasará á historia da música como un dos mellores guitarristas de todos os tempos, podio no que a revista Rolling Stones o situou canda Eric Clapton e Jimi Hendrix. A admiración que por el confesaban músicos como John Lennon ou o propio Hendrix contribuíron a agrandar a súa xa xenerosa lenda.