PIONEIRO DA CANCIÓN ANTIFRANQUISTA

Morre Benedicto, fundador de Voces Ceibes

Morre Benedicto, fundador de Voces Ceibes
Benedicto (esquerda) con José Afonso. Foto: cedida.
Benedicto (esquerda) con José Afonso. Foto: cedida.  

O cantor de intervención e sindicalista Benedicto García Vilar morreu esta segunda feira en Santiago de Compostela, onde nacera hai 71 anos. Con el extínguese parte da memoria fundacional da Nova Canción Galega e a canción antifranquista.
 


Integrante de Voces Ceibes, amigo íntimo de José Afonso -colaborou no mítico Eu vou ser como a toupeira (1972) do portugués-, autor de dous elepés de aguerrida protesta -Pola Unión (1976) e Os nomes das cousas (1979)- e mestre de formación, a Benedicto debéselle boa parte do pulo inicial da música antifranquista.

Con homes despois á marxe de toda actividade musical como Vicente Araguas ou Guillermo Rojo, García Vilar participou en 1968 no considerado concerto inaugural da Nova Canción Galega. Poemas de Manuel María, Lois Diéguez, Celso Emilio Ferreiro ou Curros Enríquez convertéronse da man daquelas voces nunha das primeiras manifestacións en certo sentido pop de oposición á ditadura. Ao pouco tempo adquirirían o nome colectivo de Voces Ceibes.

Benedicto foi militante do Partido Comunista de Galicia e despois de Comisiós Obreiras, sindicato para o que traballou unha vez restaurada a democracia. Os seus achegamentos á música apenas foron máis que testemuñais tras o seu segundo disco. En 2008 publicou un volume de estampas memoriais, Sonata de amigos (Xerais, 2008).

Unha enfermidade dexenerativa foino apartando da presenza pública e acabou finalmente coa súa vida. O acto de despedida será esta terza feira, 5 de xuño, ás sete do serán no tanatorio de Boisaca, en Santiago de Compostela.



x