Morre Charles Aznavour, xigante da chanson, aos 94 anos

Morre Charles Aznavour, xigante da chanson, aos 94 anos
Charles Aznavour nunha imaxe de 2014. Foto: Mariusz Kubik.
Charles Aznavour nunha imaxe de 2014. Foto: Mariusz Kubik.  

Pasaba dos 90 anos e seguía frecuentando os escenarios. Compuxo case un milleiro de cancións e entre elas numerosos himnos oficiosos da Francia do século XX. Tamén traballou no cinema. Fillo de inmigrantes armenos, Charles Aznavour morreu esta segunda feira na súa casa da serra das Alpilles, no sur do Hexágono.
 


A Wikipedia asegura que Aznavour vendeu ao longo da súa carreira 200 millóns de discos. Tivo tempo. Visitou os palcos desde practicamente os 12 anos. A partir dos anos 40, a súa presenza en clubes, teatros e salas de concertos foi habitual. Foi tamén en 1948 cando se publicou o seu primeiro rexistro sonoro, un 78 revolucións canda Pierre Roche: Voyez c'est le printemps / J'ai bu.

O traballo de Aznavour trascendeu fronteiras. O propio Bob Dylan, premio Nobel de Literatura, declarou á revista Rolling Stone en 1987 que un concerto do franco armenio nos anos 60 o impresionara. Cancións como La Bohéme, Venecia sen ti ou Le Temps conformaron a memoria sentimental de xeracións e xeracións de europeos. Porque Aznavour chegou a gravar en francés, inglés, español, italiano, armenio, alemán ou napolitano.

Figura da envergadura dun Frank Sinatra -con quen asoito o comparou a crítica anglocéntrica- ou dun Lili Boniche -que chegou a gravar unha versión de La Mamma-, o xigante da chanson ofreceu as súas últimas actuacións o pasado decembro en Bercy, París. En 2009 fora nomeado embaixador armenio en Suíza e delegado permanente do país de procedencia dos seus país nas Nacións Unidas de Xenebra. 



x