Morre Elsa Sánchez, a muller que coñeceu os límites da dor na ditadura arxentina

Morre Elsa Sánchez, a muller que coñeceu os límites da dor na ditadura arxentina

A Elsa Sánchez, filla de galegos, preguntábanlle sempre como fora quen de sobrevivir a tanta dor. A ditadura arxentina fixo desaparecer e matou ao seu home, o guionista de historietas de culto Héctor Oesterheld, e as súas catro fillas, Beatriz, Diana, Estela e Marina, dúas delas preñadas. Elsa nunca parou de buscar os seus netos. 


Da foto na que aparece rodeada do seu home e as súas catro fillas, só ela sobreviviu ao terror da ditadura arxentina. Elsa Sánchez, compañeira do escritor de historietas de culto, Héctor Oesterheld, autor, entre outras, do coñecido “El Eternauta”, encargouse durante toda a súa vida de que se lembrara o horror e se pedira xustiza daqueles anos de horror, cando, en pouco máis de un ano lle arrebataron o seu home e as súas catro fillas, Beatriz, Diana, Estela e Marina. Desaparecidas e asasinadas, Diana e Marina estaban preñadas cando foron apresadas polas forzas represivas da ditadura. A terríbel conta de baixas da súa familia suma tamén a dous dos seus xenros. Elsa Sánchez non parou de buscar os seus fillos, nacidos en cativerio, desde as Avoas da Praza de Maio ás que pertencían. Elsa Sánchez morreu o sábado día 20 en Buenos Aires e será soterrada esta segunda feira no cemiterio da Chacarita. 

Viviu a desaparición e morte das súas fillas Beatriz, Diana, Estela e Marina e o seu home Héctor Oestherheld

Elsa e Héctor casaran novos e non tardaron en nacer as súas catro fillas. Foron anos que ela lembraba de felicidade a carón do guionista e escritor que creou unha obra de referencia na cultura arxentina,  a historia de “El eternauta” unha obra de ciencia ficción cargada de crítica política que, para moitos, foi interpretada como un anticipo do que logo ía acontecer. En xuño de 1976 a vida de Elsa Sánchez, filla de emigrantes galegos na Arxentina, recibe o primeiro dos golpes, a desaparición da súa filla Beatriz, de 19 anos. Aínda non sabía que da súa familia só ela sobreviría á crueldade dun réxime que se saldaría con máis de 30.000 persoas desaparecidas para sempre. 

Despois de Beatriz, irían caendo unha a unha todas as súas fillas nunha terríbel conta atrás que remataría en decembro de 1977, data da última das súaelsas perdas. No camiño, e despois de Beatriz, en case ano e medio, Elsa Sánchez deixaría de ter noticia de Diana, de 23 anos, de Estela, de 24 e de Marina, de 18. A represión fixo que Elsa tivera dúas maneiras de ordenar no tempo ás súas catro fillas, por nacemento e por desaparición. E, cando falaba, marcaba o drama coa felicidade de cando, unha a unha e seguidas, se ían sumando os seus nomes á familia ao horror daquel ano e medio no que, en distinta orde, as foi perdendo,,aínda tan novas. Héctor Oestherheld  sería secuestrado o 27 de abril de 1977. Naquel terríbel horror, a recuperación de dous dos seus netos, Martín, fillo de Marina, e Fernando, fillo de Diana, supuxo unha porta á esperanza para unha muller que conseguiu vivir, como dicía, máis alá dos límites da dor. 

A historia, contada

En 2008, Elsa Sánchez foi convidada oficial polo goberno da Xunta a través da Dirección Xeral de Xuventude e a Consellaría de Cultura a participar no ciclo “Conversas con...” que promovía o departamento dirixido por Rubén Cela. Naquela visita á terra dos seus pais, Elsa Sánchez compartiu a súa experiencia e mostrou, como sempre facía, a incredulidade da súa propia supervivencia. "Non foi a coraxe, foi a sensibilidade a que me permitiu dotarme do optimismo para dicir que sempre hai por que vivir”, dixo entón, cunhas palabras que relataban a máis atroz das situacións cunha inusual serenidade, coa mesma que reclamaba paz e denunciaba calquera sorte de violencia. En  2011 a súa biografía foi obxecto do documental "La mujer del eternauta", dirixido por Adán Aliaga e con guión de Diego Ameixeiras. O escritor Manuel Rivas relatou tamén a historia de Elsa Sánchez desde o xornalismo literario no libro A corpo aberto (Xerais, 2008)

Cando Arxentina foi convidada de honra á Feira do Libro de Franckfurt foi Elsa a protagonista do acto de inauguración. Á beira da presidenta Cristina Fernández pronunciou, co público en pé, unha frase que, dagunha maneira, era resumo da súa vida: “Crin estar morta, tamén volvo a ter esperanzas”.