GAÑARA O NOBEL EN 1993

Morre a escritora Toni Morrison, voz de Afroamérica

Morre a escritora Toni Morrison, voz de Afroamérica
A escritora Toni Morrison en 2008. Foto: Wikipedia.
A escritora Toni Morrison en 2008. Foto: Wikipedia.  
“Os Estados Unidos nunca deixaron de ser racistas”, declaraba Toni Morrison ao xornal brasileiro Estadão nunha entrevista de 2006. Ao fondo, a catástrofe orixinada polo furacán Katrina e xestión non menos catastrófica do Goberno de Bush. Máis ao fondo aínda, a vontade de redención histórica presente na súa obra. A escritora morreu esta terza feira aos 88 anos.

Once novelas abondaron a Morrison para se converter nunha das máis agudas e complexas voces da Afroamérica literaria. Na súa literatura falan as subalternas, a empatía non lle é allea, pero as contradicións emerxen unha vez e outra. Na conversa citada máis arriba confesaba que, como as súas personaxes, uns días amencía máis próxima a Martin Luther King e outros, a Malcolm X. A paz (relativa) e a guerra.

Entre O ollo máis triste [The Bluest Eye, 1970] e Deus axude o cativo [God Help the Child, 2015] a escrita de Morrison, nada en Lorain (Ohio, Estados Unidos) en 1931, pousou o foco na convulsa, dramática historia das comunidades afroamericanas. Fíxoo non en abstracto, senón cun punto de vista situado e apoiada en James Baldwin, en Virginia Woolf, no seu odiado amado Faulkner. E aínda que a polifonía define a súa narrativa -nela mesmo falan espíritos-, é a muller negra a que comparece unha vez e outra.

Beloved (1987), Jazz (1992) e Paraíso [Paradise, 1997] conforman o seu período de maior relevo público. Coincidiu coa concesión do Premio Nobel de Literatura en 1993, cuxa aceptación ela argumentaba 13 anos despois: “Aceptei o Nobel para que toda muller negra me vise e repetise para si mesma que ela era tamén capaz de chegar alí”.