Morre Germán Coppini, o poeta que levou filosofía ás discotecas

Morre Germán Coppini, o poeta que levou filosofía ás discotecas
Germán Coppini
Germán Coppini  

“Malos tempos para a lírica” foi a frase máis repetida nunha noite que estaba chamada a ser boa.   “Malos tempos para a lírica” podería ser o epitafio, este si acaído, para Germán Coppini, o músico que morría despois dunha enfermidade fulminante. 


Converteuse en epitafio dunha morte non esperada. O título dunha das súas cancións máis coñecidas difundiuse na Noiteboa como a pólvora para anunciar a morte do seu autor, do Germán Coppini para sempre relacionado con dous grupos musicais de referencia nos anos oitenta, Siniestro Total e Golpes Bajos. 

Malia estar para sempre o seu nome relacionado coas dúas bandas que naceron en Vigo e foron baluarte da coñecida como “movida”, Coppini só puxo voz ao primeiro dos traballos discográficos de Siniestro e mantivo Golpes Bajos -o seu proxecto máis persoal- algo menos de tres anos, con tres discos para a historia. O resto, a longa traxectoria que viría despois, ficaba agochada baixo un tempo no que a súa proposta non atopou o acubillo das súas anteriores propostas. 

Pero Coppini seguía producindo, cunha voz singular e novos proxectos como o disco “América herida”, unha edición limitada con LP de vinilo e 15 temas nos que ofrecía as súas versións personais de temas de Victor Jara, Carlos Mejía Godoy, Violeta Parra, Pablo Milanés, Atahualpa Yupanqui ou Daniel Viglietti no que foi a súa última reivindicación da canción de autor. Entre as mans tiña tamén a presentación do novo traballo coa banda andaluza Néctar, coa que tiña previsto dar un concerto en novembro, trasladado logo por  motivos de saúde. “Debido a un contratempo de saúde, non importante”, dicía entón Coppini a través do seu facebook no que mostraba o entusiasmo pola súa nova obra. Remataba novembro e o músico anunciaba unha nova cancelación até a súa recuperación. “Agardo resarciros moi pronto e ofreceros un concertazo como merece este proxecto que tanta ilusión nos fai tanto a min como ao resto dos meus compañeiros. Vémonos pronto sobre os escenarios”.  

“Siniestro Total non tería sido posíbel sen el”, sinalaba pouco despois da morte a páxina da banda liderada por Julián Hernández, quen recoñecía o grande peso da voz do seu álbum inicial, “¿Cuando se come aquí?” e, aclaraba que “Germán Coppini seguiu sendo amigo tras ese pistoletazo de saída”, referíndose á marcha da voz do grupo para montar Golpes Bajos, unha saída que deu en ferida de longa curación no seu momento.

Vigo, onde os maniquies van de festa 

Nacido en Santander, Coppini aparecera un día en Vigo polo destino laboral de seu pai e a cidade galega tornouse en berce da súa traxectoria musical, primeiro da man de Miguel Costas -quen deu a noticia da súa morte nas redes sociais- e Julián Hernández montando Siniestro e logo con Teo Cardalda e Pablo Novoa en Golpes Bajos, a banda na que deixaría a súa máis persoal pegada. Durante un tempo, Coppini tentou “conciliar” ambas formacións, mais finalmente a súa opción por Golpes Bajos levaríao a abandonar para sempre Siniestro. 

Coa súa voz nacen algúns dos temas máis sólidos daquel tempo, “Malos tiempos para la lírica”, “Fiesta de los maniquíes” ou “No mires a los ojos de la gente”, bailados sen piedade por unha xeración en locais que xa non existen. Con estes tres temas, máis “Estoy enfermo” gañarían o primeiro concurso de maquetas de “Rock Espezial” -agora Rockdelux- o que significou a consolidación da banda. “Golpes Bajos”, “A Santa Compaña” e "Devocionario" foron os traballos asinados por un grupo que se desfaría case tres anos despois de terse creado. 

"El Ladrón de Bagdad" sería o seu primeiro disco en solitario ao que seguiría, xa por volta dos fins dos oitenta, "Flechas Negras", unha homenaxe á música soul dos anos setenta. Viría despois un tempo no que Coppini se alonxou do protagonismo de traballos en solitario mais a súa voz continuaría en colaboracións musicais en distintas propostas colectivas. Regresaría sete anos despois con “Carabás”. En 1997, após o éxito da produción “Todos sus Grabaciones 1983-85”, experimenta cun regreso de Golpes Bajos canda Teo Cardalda cunha xira na que presentarían “Vivo”, mais Golpes Bajos xa non recibe o aplauso doutro tempo e o regreso morre como naceu, como un experimento para probar un tempo que xa era outro. 

“Las canciones Del Limbo” é o traballo que asina en 2006, ano no que  volve tamén coa súa banda “Anónimos” aínda que en 2008 daría forma xa a seu novo proxecto “Lemuripop”. Con el daría a coñecer con “Primo Tempo”, un proxecto eléctronico co que prosigue en 2012 con “Todas Las Pérdidas Crean Nudos”. 

Coa promoción ás portas do novo traballo con “Néctar” e o seu particular “América herida”, German Coppini despídese coa súa voz poética, aquela que marcou un tempo no que nas discotecas se danzaba ao son de cancións con ar filosófico que convidaban a non mirar aos ollos da xente e lamentaban vivir en malos tempos para a lírica.