Morre Henning Mankell, o xenio da novela negra nórdica

Morre Henning Mankell, o xenio da novela negra nórdica
Henning Mankell
Henning Mankell  

A figura máis destacada da novela negra nórdica faleceu esta segunda feira en Gotemburgo vítima dun cancro.


Mankell estivo en 2009 en Galiza para recibir o Premio San Clemente á mellor novela estranxeira que conceden os alumnos do Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela pola súa obra 'El Chino'. 

Diego Ameixeiras, unha das referencias galegas do xénero negro, destaca de Mankell que “vai máis alá da novela enigma, detrás hai unha reflexión social e política. Con el descubrimos a sociedade sueca, que non é tan idílica como parecía. El e Markaris eran os clásicos en vida da novela negra europea”. Alén do literario, o ourensán salienta o seu compromiso coa causa palestina (formou parte da flotilla abordada pola mariña israelí): “sempre me pareceu un tipo moi íntegro”. 

Traducido a máis de corenta linguas, Mankell escribiu outras tantas novelas que chegaron a vender máis de 40 millóns de exemplares. As máis populares foron as protagonizadas polo detective Kurt Wallander, un antiheroe a través do cal puidemos coñecer as costuras da sociedade nórdica. 

Comprometido con numerosas causas sociais, Mankell vivía parte do ano en Mozambique, onde era o director artístico do Teatro Nacional de Maputo. El mesmo foi o fundador da súa propia editorial, Leopard Förlag. Estaba casado coa filla do cineasta Ingmar Bergman. 

Desde que soubo da súa doenza a principios de 2014 o sueco narrou a súa convivencia con ela a través de artigos en xornais suecos e no británico The Guardian, ademais de na obra 'Areas movedizas'. O xornalista galego Nacho Mirás, que tamén conta no seu blog a súa relación co cáncer, dedicoulle un artigo a Mankell: "Aínda que nos separan a terra, o idioma, a idade e a conta corrente, o cáncer, o puto cáncer, Henning, xúntanos nesta viaxe no que non podemos facernos os suecos."