RECUPERAMOS UNHA ENTREVISTA CON 'SERMOS GALIZA' EN 2013

Morre o historiador anarquista arxentino Oswaldo Bayer, autor de 'A Patagonia Rebelde'

Morre o historiador anarquista arxentino Oswaldo Bayer, autor de 'A Patagonia Rebelde'
O historiador Oswaldo Bayer. Foto: cedida.
O historiador Oswaldo Bayer. Foto: cedida.  

No número 60 do suplemento A Fondo do semanario Sermos Galiza, correspondente ao 15 de agosto de 2013, a escritora Marga Romero entrevistaba Osvaldo Bayer, o escritor e xornalista arxentino que rescatou a historia da Patagonia Rebelde. Bayer, nado en Santa Fe en 1927, morreu este 24 de decembro en Bos Aires. Velaquí a súa conversa con Romero.

 


Oswaldo Bayer: “Na Arxentina, comézase a facer xustiza cos pobos orixinarios”

Entrevistamos a Oswaldo Bayer, anarquista, escritor, historiador e xornalista arxentino, recentemente homenaxeado pola Rede de Investigadores en Xenocidio e Política Indíxena na Arxentina e pola Cátedra Libre de Dereitos Humanos da Facultade de Filosofía e Letras (UBA) –fundada por el en 1994- pola súa traxectoria na defensa dos dereitos humanos e o seu infatigábel labor na produción de coñecemento e o seu apoio constante na divulgación de novas obras.

-Coa súa obra La Patagonia Rebelde, froito de anos de investigación, demostra que se pode e debe escribir historia doutra maneira; escribir contra o poder e dar a voz ao pobo. Mais, vostede, debeu pagar un prezo moi alto por esta obra tamén levada ao cine.

-Si, os tres primeiros tomos de La Patagonia Rebelde ocasionaron unha grande polémica entre historiadores, lectores, nas universidades e nos centros de ensino secundario. E é que estes feitos foran ocultados durante case medio século. Por iso, unha vez asumiu o poder o goberno de ultradereita de Isabel Perón e o seu ministro López Rega, o filme baseado nos meus libros e do mesmo título, foi prohibi-do, ao igual que os libros. E eu, o autor, condenado a morte pola organización “Las Tres A”, comandada polo propio López Rega. Tiven que marchar ao exilio, do que só puiden regresar oito anos despois. Logo, xa durante a ditadura militar de Videla, eses libros foron queimados publicamente polo tenente coronel Gorleri baixo o lema “Dios, Patria y Hogar”. Mais pagou a pena: a obra acaba de ser declarada de “lectura obrigatoria” nos centros de ensino secundario da terra patagónica de Santa Cruz. (O cuarto tomo da obra foi editado en Alemaña, en español, durante o meu exilio nese país).

-Nas súas investigacións afonda na historia da crueldade arxentina; como se sente cando se encontra coa figura de Julio Argentino Roca? É tan difícil reconstruír a historia e situar os xenocidas no seu lugar?

-Si, outra figura histórica que se debate hoxe na Arxentina é a do xeneral Julio Argentino Roca, o militar xenocida dos pobos orixinarios, quen foi dúas veces presidente neste país. Sempre me dediquei a investigar os feitos non recoñecidos pola nosa historia oficial. Non recoñecidos e ocultados, ou tamén cualificados como actos históricos épicos, como se fixo coa chamada “campaña del desierto”. Isto último foi un crime de lesa humanidade, porque se eliminou do sur do territorio arxentino os pobos naturais desas terras: tehuelche, mapuche, ranquele e outras etnias, volvendo impoñer en 1879 a escravitude na Arxentina, cando fora eliminada en 1813.

-Socialmente hai un debate aberto na Arxentina que non desexa enterrar o seu pasado.

-Na actualidade, acentuouse o debate sobre o noso pasado histórico, principalmente sobre o período das trece ditaduras militares habidas desde 1930, e as grandes faltas cometidas polos gobernos elixidos polo pobo, que non souberon opoñerse nin resistir os golpes militares. Xusto ese tema: os fracasos dos gobernos elixidos polo pobo e a súa substitución polas ditaduras militares é un problema sempre pre-sente na actualidade da cultura arxentina.

-Escribiu que as Nais da Praza de Maio son mulleres dadas“ a luz polos seus fillos”, que significado ten este movemento na historia arxentina? Cal é a súa vixencia actual?

-Sen dúbida ningunha, as Nais da Praza de Maio pasaron á historia como as heroínas que loitaron por coñecer o destino dos seus fillos e das súas fillas, malia que no inicio desa loita, foran secuestradas e “desaparecidas” as tres primeiras nais que fundaron o movemento. Sempre foron a vangarda da loita contra a ditadura, que finalmente caeu. As Nais, quedan na historia arxentina como unha fronte de dignidade contra a ignominia dun réxime criminal. Faleceron xa moitas e o movemento ten agora un significado histórico.

-Cando Oswaldo Bayer historiador, ou “cronista con opinión”, segundo autodefinición, se ocupa da historia do fútbol na Arxentina descóbrenos a importancia deste deporte popular e tamén a súa relación co mundo obreiro; en que se converteu hoxe este deporte?

-O fútbol arxentino caeu na degradación máxima, a loita entre as “hinchadas” é case diaria, con mortos e represións violentas da policía. Acontece que os directivos dos clubs financian aos grupos de seareiros e estes tratan de se impoñer sobre os partidarios doutros clubs que van presenciar os partidos. É moi deprimente ver como un deporte con tantas virtudes, pasou a ser un negocio. Nótase na compra e venda de xogadores. Algúns cambian de club case todos os anos. Mágoa, que un deporte comunitario con tantas calidades sociais se convertera nun ne-gocio sospeitoso de cartos e intereses de grupo.

-O cine é unha maneira de contar e escribir guións gústalle, mais no 2001 sorpréndenos cunha novela, Rainer y Minou. É a novela só a forma necesaria desta volta, para escribir historia e afondar na conflitiva realidade dun amor entre unha xudía que regresa á terra dos seus pais e o fillo dun "can sanguinario" nazi?

-O caso do amor entre Rainer e Minou, é verdadeiramente real. Vivino en Alemaña durante o meu exilio. Rainer foi moi amigo meu e confioume a súa inmensa pena por ser fillo dun gardián do campo de concentración de Auschwitz, que interveu na eliminación de xudeus. Rainer non podía superar esa realidade, menos aínda cando se namorou de Minou, unha moza arxentina filla de xudeus. Acompañeino moito para o convencer de que el non tiña que pagar o cometido polo seu pai. Pero non se conformaba e a súa historia rematou en suicidio. Sentín moito a súa morte e sentinme obrigado a escribir un libro sobre ese destino. Fíxeno e Minou incomodouse moito comigo por esta publicación. Mais non estou arrepentido. Trátase dunha advertencia aos pais, cuxos pecados poidan ser pagados polos seus fillos.

-Vostede reprochoulle á Presidenta da Arxentina non ter mencionado os pobos orixinarios no seu primeiro discurso como Presidenta... Mudaron as cousas nestes últimos anos, ou a sociedade arxentina construída desde Europa segue sen recoñecer a existencia e os dereitos destes pobos?

-Si, este goberno de Cristina Kirchner levou a cabo cousas positivas, mais nada fixo nas causas dos pobos orixinarios e na defensa da natureza. No primeiro, vese claramente que non recoñece as terras comunitarias que eses pobos ocuparon durante séculos, xa que son expulsados por non teren títulos de propiedade. Tamén vese no caso dos qom (os tobas) no norte do país, reprimidos por non obedeceren a orde de desaloxo. Este feito orixinou un gran debate no país. E en defensa dos dereitos dos qom, os organismos de dereitos humanos ini-ciaron accións.

-A loita pola propiedade da terra e os dereitos do pobo mapuche contra un inimigo demasiado poderoso, están na orixe do documental Awka Liwen (Rebelde Amencer, en mapuche) do que é guionista conxuntamente Mariano Aiello e Kristina Hille, responsábeis da súa dirección.

-Ese documental naceu cando tiveron transcendencia as accións para retirar das rúas das nosas cidades os monumentos e o nome do xenocida xeneral Roca, quen non só cometeu unha grande matanza dos pobos orixinarios; tamén lles quitou as súas terras e estabeleceu a escravitude dos homes, mulleres e crianzas desas etnias, en 1879. O pobo mapuche, en especial, estase organizando actualmente para defender os seus dereitos recoñecidos pola nosa Constitución Nacional, que non son respectados.

-Mais na “Avenida del Presidente Julio Argentino Roca”, erixirase un monumento á muller orixinaria...

-Si, no 2004, iniciei unha acción para tirar do centro da cidade de Bos Aires o monumento ao xenocida Roca e colocar no seu lugar outro que represente á muller dos pobos orixinarios. Como sufriron esas mulleres cando lles arrebataron os seus fillos, que foron entregados ás “familias de ben” como “mandadeiros”! Tirar a Roca do centro de Bos Aires e poñer alí á muller orixinaria, que deu vida nas nosas Pampas, é facer, por fin, xustiza.