Morre Luís Rei, activista cultural e biógrafo de Cabanillas

Morre Luís Rei, activista cultural e biógrafo de Cabanillas
Foto: Miguel Muñiz
Foto: Miguel Muñiz  

Aos 55 anos falece o biógrafo de Cabanillas e activista cultural, Luís Rei, promotor tamén da recuperación da cultura do marítima e fluvial. 


O pasado mes de maio, recibía en Cambados o Premio Ramón Cabanillas nun acto que se converteu na derradeira homenaxe ao biógrafo do poeta e activista cultural, Luís Rei, finado na madrugada desta segunda feira. 

Ademais de ser biógrafo de Cabanillas, ao que lle dedicou máis de dúas décadas de traballo de investigación, Luís Rei era responsábel da catalogación do seu arquivo e do legado da familia ao concello de Cambados, a súa rigorosa achega á figura do poeta. Do seu intenso traballo naceu o volume, Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades (Galaxia 2009). “Unha figura intelectual e cultural de enorme valía e de extraordinaria relevancia, que transcende o Olimpo dos deuses locais e comarcais para situarse con lugar de seu nos nomes imprescindíbeis para achegarse e coñecer algunhas das liñas máis valiosas de desenvolvemento do activismo cultural galego das últimas décadas”, escribiu o escritor Emilio Insua, grande amigo de Rei, con motivo da homenaxe polo Premio Cabanillas. Foi tamén o promotor da conmemoración do Ano Cabanillas en 2009, cando facía medio século do pasamento do poeta e comisario da exposición “Ramón Cabanillas. A roseira dos recordos”, aberta co gallo da celebración. 
 
O seu papel foi tamén fundamental na creación e o labor da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial en 1993 e a organización das Xornadas de Cultura Marítima en Cambados en 2005. 

Desde o Colectivo Ecoloxista do Salnés expresaron por medio dun comunicado o pesar polo falecemento de quen foi un dos seus fundadores e primeiro presidente. “Luís plantou a semente do CES e doutras iniciativas que seguen a dar froito na actualidade, o que non é estraño sendo unha persoa coma el foi, repleta de inquietudes, sociais, políticas, culturais e ambientais, cun  discurso acertado e vivaz que convencía e divertía", sinalan. 



x