Morre Labajjo Grandío, pintor da Nova Xeración Expresionista

Morre Labajjo Grandío, pintor da Nova Xeración Expresionista
Obra de Labajjo Grandio. Imaxe: Xunta de Galiza.
Obra de Labajjo Grandio. Imaxe: Xunta de Galiza.  

O artista, natural de Lugo, faleceu aos 80 anos de idade "por causas naturais", segundo o alcalde de Friol. A súa obra está adscrita á Nova Xeración Expresionista e Uxío Novoneyra definiuna como "o silencio da terra"


O pintor Alfredo Labajjo Grandío, natural de Lugo, faleceu esta segunda feira con 80 anos de idade na leira da casa-palloza onde residía, nunha aldea de Friol.

Así o confirmou o alcalde do municipio, José Ángel Santos, quen apuntou que se trata dunha noticia "triste" e "non esperada" por parte dos veciños. Aparentemente, o artista levaría dúas semanas morto.

Labajjo Grandío vivía só, nunha vivenda "illada" da parroquia de Vilafiz, tal e como explicou o rexedor friolés, polo que os veciños "non o vían demasiado". O pintor adoitaba chamar un taxista de confianza que o levaba ao centro do municipio unha vez cada semana ou cada dúas.

Precisamente foi esta persoa quen, ao non ter noticias do pintor en días, decidiu ir á casa e alí escoitou como os seus cans non paraban de ladrar. Tras iso, decidiu avisar a Garda Civil. Todos os indicios, tal e como asegurou o alcalde, indican que se trata "dun falecemento normal por mor dun infarto".

"O Picasso galego"

Formado na Escola Superior de Belas Artes de Madrid, Grandío saltaba as normas e os canons estabelecidos, pintando o que quería e cando quería. Logo de deixar os estudos continúa a súa formación viaxando por toda Europa, onde en 1969 coñece a Picasso na exposición celebrada no Pazo dos Papas de Avignon. Alí dille que é de Lugo e fala en galego con el, e o artista malagueño examina varios debuxos de Grandío, felicitándoo polo seu traballo e animándoo a seguir traballando.

Logo de pasar unha tempada de auto-reclusión nos Ancares, onde conecta coa natureza e as súas xentes, en 1974 inaugura a súa primeira exposición individual no paraninfo da Deputación Provincial de Lugo, presentada por Ánxel Fole e Uxío Novoneyra, que definiu a súa arte como "o silencio da terra". 

O xornalista e académico de número da Academia Galega, Trapero Pardo, considera o traballo de Labajjo como representación da "nova xeración expresionista", pero outros expertos, como o marchante Lorenzo García-Diego, matizan apuntando a que está máis "entre un expresionismo-bucólico e un fauvismo-violento, polos temas mitolóxicos e simbólicos e pola forza da cor e a súa vigorosa policromía

O Concello de Friol custodia as pinturas

"Era un pintor bastante importante e considerado neste sector. De feito, as súas pinturas tiñan un valor importante no mercado", segundo José Ángel Santos.

As obras de Labajjo Grandío foron trasladadas pola Garda Civil e permanecen custodiadas polo Concello, nunha zona segura dunhas instalacións municipais, á espera do que ditamine a xustiza ou de que a súa familia decida facerse cargo delas.

Este falecemento chama a atención sobre a problemática da soidade das persoas maiores que viven e morren en aldeas illadas. O alcalde de Friol, que recoñece que se trata dunha realidade "bastante triste", asegura que no seu municipio, non obstante, se trata de "casos illados", posto que os maiores se atopan "ou ben a cargo dos seus familiares, ou ben nun centro de día".