Morre Olimpio Liste, creador do museo etnográfico de Vigo que leva seu nome

Morre Olimpio Liste, creador do museo etnográfico de Vigo que leva seu nome
Olimpio Liste
Olimpio Liste  

Atesourou pezas da cultura tradicional e con elas montou dous museos, dos que só queda aberto o etnográfico de Vigo. O etnógrafo Olimpio Liste morreu á idade de 81 anos mais o seu nome perdura no museo etnográfico de Vigo. 


Olimpio Liste é nome de museo, do etnográfico de Vigo que el fundou e que, despois dun tempo pechado, volveu a abrir ao público no pasado mes de novembro. O centro dedicado á exposición de cultura tradicional tomaba nome do seu creador, un home que dedicou boa parte da súa vida  tesourar obxectos da cultura popular, en especial apeiros do agro, e con eles decidiu montar dous museos, o de Oseira, fechado en 2011, e o de Vigo, que despois dun tempo clausurado por falta de financiamento, volvía a abrir tras asinar un novo convenio co Concello. 

A etnografía era a verdadeira paixón de Olimpio Liste e para facer partícipe á sociedade da riqueza da cultura tradicional e mostrar os milleiros de obxectos que atesourou durante toda a vida decidiu abrir os museos para o que contou co asesoramento de Ferro Couselo e Xaquín Lourenzo. O convenio que permitiu a reapertura do centro en Vigo recollía tamén que a fundación presidida por Olimpio Liste se ía encargar da xestión do Centro de Artesanía Tradicional situado no Casco Vello da cidade. 

De carácter privado, creado pola súa vontade, con pezas que cedidas en case a súa totalidade por el mesmo e xestionado pola Fundación que presidía até a súa morte, o Museo Liste instalouse na rúa Pastora nunha construción cedida polo Concello en 1999 con case tres mil pezas de fondos en exposición ademais de mostras temporais. Malia iso, a maior parte da súa historia o Liste saíu á luz para reclamar maior apoio aos distintos gobernos municipais que forneceron durante toda a súa historia a maior vía de financiamento do centro. 

O carro, o cultivo do centeo, ferramentas de oficios tradicionais, espazos especiais para os ferreiros e a elaboración do tecido, apeiros de madeira, medicina popular, a casa... os distintos espazos do Liste achegan á cultura tradicional a través dos seus obxectos. A última exposición temporaria dedicouse aos amuletos.