'PASTORAL AMERICANA' ESTÁ TRADUCIDA AO GALEGO

Morre Philip Roth, titán da narrativa estadounidense

Morre Philip Roth, titán da narrativa estadounidense
Philip Roth (esquerda) e Primo Levi en 1986.
Philip Roth (esquerda) e Primo Levi en 1986.  

Se a condición de xigante ten sentido ao falar de literatura é por autores como Philip Roth. Novelista principal do século XX, o estadounidense que atacou o puritanismo en O lamento de Portnoy (1979), afondou na convulsa historia do seu país na serie de Nathan Zuckerman e realizou un prego de cargos sobre a súa vida e a súa familia no tramo final -a serie titulada Némese- da súa descomunal obra narrativa. Morreu esta terza feira en Nova York.
 


Nado en 1933 en Newark, o barrio de Nova Jersey que en 1967 se revoltou contra o racismo e onde viven varios milleiros de emigrantes galegos, Philip Roth fixo da súa propia biografía materia literaria. Mais os seus personaxes ficaban abalados polos sucesos históricos, da caza de bruxas do senador McCarthy en Casei cun comunista (1998) aos supervivintes do nazismo en O escritor pantasma (1979).

 

Dificilmente interpretábel sen atender á súa condición cultural de xudeo, marcado polo traballo de Saul Bellow ou Bernard Malamud -tamén escritores xudeos norteamericanos-, o seu nome era deses que aparecían cada ano como probábel premio Nobel. Nunca o acadou. En 2012 anunciou que deixaba de escribir e que Némese (2010) sería a súa derradeira novela.

 

Só unha das súas obras conta con tradución ao galego. Trátase de Pastoral americana (1997), publicada en 2013 por Kalandraka con tradución de Fernando Moreiras, e que relata a descomposición da vida USA e da súa antítese contracultural e a guerra de Vietnam ao fondo.



x