Morre Rachid Taha, figura do raï alxeriano e o rock árabe

Morre Rachid Taha, figura do raï alxeriano e o rock árabe
Rachid Taha durante un concerto en Bélxica en 2007. Foto: cedida.
Rachid Taha durante un concerto en Bélxica en 2007. Foto: cedida.  

Non chegaba aos 60 anos. A súa música, e a súa figura rebelde e destemida, revolucionaron a cultura do norte de África. Entre o raï, as incursións electrónicas e o rock, Rachid Taha foi unha das máis grandes figuras do pop africano. Morreu esta cuarta feira en París a causa dun infarto.
 


Taha iniciárase na música a través do raï, ese peculiar r&b urbano e indíxena do Magreb. Fíxoo na emigración: aos dez anos marchou para Lyon (Francia) cos pais, obreiros de mono azul. Aos 17 anos el mesmo traballaba xa nunha central eléctrica, ao tempo que se dedicaba a absorber músicas de toda a parte.

Pero o punk cruzouse no seu camiño ben cedo, en especial The Clash, aos que viu na capital francesa en 1981. A banda de Joe Strummer, que o alxeriano nado en Sig en 1958 consideraba “militante e hedonista” en igual medida, foi o espello de Carte de Séjour. Con este grupo -cuxo nome significa “Permiso de Residencia”- puxo patas arriba o rock en árabe dos oitenta. Encarnación do malestar migrante na metrópole poscolonial, as súas cancións respondían ao ascenso da ultradereita e conformaron parte da banda sonora do gueto.

Foi despois de catro discos con Carte de Séjour que Rachid Taha se aventurou en solitario. Trasladouse a París e, entre 1989 e 2013 facturou máis dunha ducia de traballos cos que definiu un territorio sonoro único, insurrecto e salvaxe. Os dous volumes de Diwan (1998 e 2006), o contundente Tékitoi (2004) -que incluía a súa célebre versión de The Clash Rock El Casbah-, o regreso ao raï de 1,2,3 Soleils (1999) canda os seus compatriotas e estrelas do xénero Khaled e Faudel, ou o melancólico Bonjour (2009) puntuaron un impecábel corpo musical.



x