Morre Richard Attenborough, o director de Gandhi e Terras de Penumbra

Morre Richard Attenborough, o director de Gandhi e Terras de Penumbra

O actor e director británico Richard Attenborough faleceu este 24 de agosto a poucos días do seu 91 cumpreanos. Era unha lenda viva do cinema inglés.


Attenborough foi un actor de carácter e de carreira máis que notábel. Porén, foi como director como alcanzou fama universal. A cimeira da súa filmografía chegou en 1982, con Gandhi, fita que obtivo 8 óscares. Gandhi foi o empeño do cineasta xa desde os anos 60, década en que viaxou a India para se documentar e coñeceu a Nehru. Attenborough, se se caracterizaba por algo, era por ser un extraordinario director de actores. Demostrouno con Ben Kingsley en Gandhi e con Robert Downey Jr na tamén espléndida Chaplin (1992)

Non tan coñecida, mais identicamente eminente é Shadowlands (fita estreada no Estado español como Tierras de Penumbra), obra de 1993 sobre a relación entre o escritor británico C.S. Lewis e a poeta norteamericana Joy Davidman, interpretados de forma maxistral por Anthony Hopkins e Debra Winger, respectivamente.

Esa capacidade de dirección de actores levábao, un pouco na esteira do clásico David Lean, a combinar o rexistro máis épico (claramente en Gandhi, mais tamén en Cry Freedom, a película sobre o activista polos dereitos dos negros en Sudáfrica Steve Biko) co talento para criar atmosferas de certo lirismo.