Morre Victoria Ruiz de Ojeda, especialista en Rosalía de Castro

Morre Victoria Ruiz de Ojeda, especialista en Rosalía de Castro
A profesora e investigadora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Foto: Fundación Rosalía de Castro.
A profesora e investigadora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Foto: Fundación Rosalía de Castro.  

A profesora e investigadora María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda morreu este domingo en Vigo. Nesa cidade nacera en 1961. Especialista en Rosalía de Castro, Ruiz de Ojeda deixa unha ampla serie de ensaios e estudos sobre a autora.
 


Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, foi activa colaboradora do Anuario de Estudos Literarios Galegos, Grial, Festa da Palabra Silenciada ou no Boletín da Real Academia Galega.

Rosalía de Castro para nenos (1988) foi un dos libros ao seu nome. Da poeta explorou tamén e en profundidade a súa faceta xornalística, algunha correspondencia ou os aspectos biográficos. Tamén foi editora de Entrevista con Eduardo Blanco-Amor.

A Fundación Rosalía, da que era membro do plenario e mais do consello de redacción da revista Follas Novas, lamentou “a perda irreparábel dunha persoa fundamental para o rosalianismo”.

Victoria Ruiz de Ojeda estaba casada co profesor e académico Xesús Alonso Montero.