Morre Xabier P. Docampo, voz imprescindíbel da literatura infantil e xuvenil galega

Morre Xabier P. Docampo, voz imprescindíbel da literatura infantil e xuvenil galega
Xabier P. Docampo [Foto: Erik Dobaño]
Xabier P. Docampo [Foto: Erik Dobaño]  

Xabier Puente DoCampo faleceu aos 72 anos de idade. Era unha das voces máis singulares e galardoadas da literatura galega.


A súa última, xa derradeira, novela publicouse o pasado novembro. Investigación no gris da posguerra, radiografía das maneiras en que se desprega o poder fascista, investigación de personaxes e precisa maquinaria narrativa, A nena do abrigo de astracán (Xerais, 2017) obtivo o recoñecemento dos seus pares na Gala do Libro Galego.

 

Era unha obra desas que se escriben durante toda a vida, o seu asalto ás coleccións editorialmente enfocadas ao público adulto, ao cabo o derradeiro oitomil dun traxecto en que abundaban. Cando petan á porta pola noite (Xerais, 1994) fora, talvez, o primeiro. Estes catro relatos de terror supuxeron a consagración exterior do escritor. O Ministerio de Cultura outorgoulle o Premio Nacional de Literatura, gañou tamén o White Raven, entrou na lista de honra da IBBY. E o máis importante, entremeteuse na imaxinación de milleiros de lectores mozos.

 

Milleiros, si. Reeditado en numerosas ocasións e traducido a todas as linguas ibéricas, é un dos títulos chave para entender a posición de Puente DoCampo no olimpo da literatura infantil e xuvenil. Canda el, o seu querido amigo Agustín Fernández Paz (1947-2016), cuxos percursos mantiveron máis dun paralelismo. Mestres antes ca escritores, militantes da renovación pedagóxica e da defensa do galego, a súa literatura serviu non só para entreter e ampliar os horizontes das lectoras. Tamén para abrir as portas da lingua.

 

A narrativa de Xabier P. DoCampo iniciárase con outro título mítico, O misterio das badaladas (Vía Láctea, 1986). A chave das noces (Vía Láctea, 1988), O pazo baleiro (Xerais, 1997), A casa da luz (Xerais, 2002) ou A illa de todas as illas (Xerais, 2013) foron conformando un corpo de historias perfectamente construídas, en que misterio, suspense e aventuras arrastran o interese lector. Ao fondo, sempre os seus totems: Robert Louis Stevenson e Álvaro Cunqueiro.

 

“Fíxenme escritor porque teño memoria de min e dos meus, porque habito a lingua e a infancia, as dúas patrias do ser humano”, veu escribir en 2004 para a páxina da Asociación de Escritores en Lingua Galega da que era Socio de Honra,

 

Nun Cuestionario Proust que lle remitira o crítico Ramón Nicolás, Do Campo efectuaba un sintético autorretrato. Aprezaba a lealdade nas persoas e salientaba o seu entusiasmo con novos proxectos. Admiraba John Silver -o pirata da Illa do tesouro-, Sherezade e os barbudos de Sierra Maestra. Gustaríalle vivir en Galiza, “mellor sendo dona de si”. E para o futuro, unha palabra de orde: “Non fagas mal a ninguén, que dicía meu pai”.



x