Morre Xulio Formoso, o galego venezolano de Voces Ceibes

Morre Xulio Formoso, o galego venezolano de Voces Ceibes
O cantor Xulio Formoso en Caracas en 2009. Foto: Galipedia.
O cantor Xulio Formoso en Caracas en 2009. Foto: Galipedia.  

Na cara A do mítico disco Galicia canta -publicado en 1970 en Caracas e pedra fundacional da Nova Canción Galega- figuraban Miro Casabella, Xerardo Moscoso, Benedicto García, Xoán Rubia, Guillermo Rojo e Xavier González. A plana maior de Voces Ceibes. A cara B, porén, estaba dedicada a un só cantor, o galego venezolano Xulio Formoso. Nado en Vigo en 1949, morreu esta cuarta feira en Madrid.
 


Aquel elepé, considerado polos especialistas o primeiro da música galega e en galego, fora promovido polos poetas Celso Emilio Ferreiro e Farruco Sesto Novás. É un fito da canción de intervención galega, nucleado por letras de Ferreiro, Sesto Novás, de escritores do interior como Lois Diéguez ou dos propios músicos. Nas discografías de Formoso adoita aparecer como o seu primeiro traballo: achegara seis cancións.

galicia161

A partir de Galicia canta, obra inencontrábel e, como tantas outras fundamentais da historia da música galega, sen reeditar, Xulio Formoso, asentado en Venezuela, pasou a gravar e cantar maiormente en castelán. Mais nunca esqueceu a súa lingua e en varios dos seus 14 discos longos hai pegada galega, ben en forma de homenaxe a Celso Emilio -por caso en La canción que va conmigo (1974), ben en colaboracións con Farruco Sesto Novás -quen, ademais de poeta, tamén foi ministro de Hugo Chávez.

Enxeñeiro civil de profesión, nunca tivo medo a se comprometer politicamente, tal e como reflectía a súa música. Socialista de esquerda, simpatizante da Revolución Bolivariana, chegara a actuar canda os irmáns Parra no Chile da Unidade Popular. O Goberno de Venezuela nomeouno en 2007 presidente da Fundación Centro Nacional do Disco.

A súa pegada musical en Galiza sentiuse até tempos recentes. O Leo i Arremecághona adoita intepretar unha versión de Un vento ven, texto de J. J. Sesto, irmán de Farruco, incluído en Galicia canta. Rexistrouno no único disco do seu proxecto compartido con García MC e Lydia Botana, Labregos do Tempo dos Sputniks -Libremente (2016)-, co apoio das voces de Mini e Mero.



x