Mosquera Camba gaña o Díaz Castro de poesía con 'A traxedia da arquitectura'

Mosquera Camba gaña o Díaz Castro de poesía con 'A traxedia da arquitectura'
O poeta Xosé Luís Mosquera Camba co premio de poesía do Concello de Carral, que gañou por 'Das árbores tropicais e do amor'. Foto: Cultura.gal
O poeta Xosé Luís Mosquera Camba co premio de poesía do Concello de Carral, que gañou por 'Das árbores tropicais e do amor'. Foto: Cultura.gal  

A traxedia da arquitectura valeulle a Xosé Luís Mosquera Camba (Bergondo, 1961) a cuarta edición do premio de poesía Xosé María Díaz Castro, que convoca anualmente o Concello de Guitiriz.
 


“O poema ilumínase a través dun elaborado proceso de decantación lector” expón o xurado do galardón, “un instantaneísmo que reconfigura o texto, desde o onírico, o abstracto e fractalización de planos”. Os encargados de escoller o libro de entre os 40 orixinais presentados foron as poetas Ánxela Gracián e Miguel Anxo Fernán Vello, e mais o crítico Armando Requeixo.

O fallo sintetizaba así a proposta poética de A traxedia da arquitectura: “Excelente traballo de fusión e recreación das máis diversas tradicións poéticas para conformar un fulgurante collage”. Mosquera Camba xa ensaiou esa táctica autoral en anteriores obras, por caso en Das árbores tropicais e do amor (Espiral Maior, 2018) ou Nadja c'est moi (Espiral Maior, 2008). De feito, o poeta tamén práctica a collage visual.

O premio Díaz Castro está dotado con 2.000 euros e mais a publicación da obra por Espiral Maior -editora fundada por Fernán Vello. As tres anteriores edicións foron premiaron Oracións profanas (2019), de Xurxo Alonso; O filósofo coxo (2017), de Eduard Velasco, e Máscaras de espellos (2016), de Raúl Gómez Pato.