A Mostra Internacional de Cine Etnográfico colle pulo na súa XI edición 

A Mostra Internacional de Cine Etnográfico colle pulo na súa XI edición 
Rolda de prensa de presentación do MICE no Museo do Pobo
Rolda de prensa de presentación do MICE no Museo do Pobo  

Despois de atravesar a primeira década de historia, a Mostra Internacional de Cine Etnográfico (MICE) toma forza na súa 11ª edición inaugurando unha sección concurso e expandindo as proxeccións desde o Museo do Pobo Galego ao Teatro Principal e Salón Teatro de Santiago, xa consolidada e recoñecida dentro do circuíto internacional do xénero. 


Do 13 ao 18 de xuño desenvolverase en Compostela a 11ª Mostra de Cine Internacional de Cine Etnográfico Museo do Pobo Galego, unha cita que foi gañando ao longo das dez edicións celebradas un lugar específico no calendario de festivais de cinema galego aí como no circuíto do xénero internacional. Mais, atravesada a primeira década, a MICE -siglas que tamén comeza a empregar nesta edición- chega desta volta con novidades, algunhas de grande relevancia como o concurso de películas e a descentralización das proxeccións que deixan de exhibirse só no Museo do Pobo Galego para ocupar as pantallas do Salón Teatro e do Teatro Principal de Compostela. 

A MICE inaugúrase como concurso convocando tres premios, á mellor película, á mellor produción galega ou sobre Galiza e un premio do público. Vinte filmes dos 142 presentados participarán na sección concurso, provintes das máis diversas orixes como Arxentina ou Rusia, nun número que fala da vitalidade do cinema documental con carácter etnográfico. Verengo, de Víctor Hugo Seoane, A Seara de Pepe Coira, Alpuxarras de Rafael Toba, Fíos Fóra de Sabela Iglesias e Adriana Pérez, Os días afogados de Luís Avilés e César Souto e Tesouro de Corcoesto de Cora Peña son as producións galegas que competirán neste primeiro concurso da MICE. 

Mostra Internacional de Cine Etnográfico. from Museo do Pobo Galego on Vimeo.

Dirixido por Ana Estévez, a Mostra naceu no ano 2006 coa idea de promocionar os traballos audiovisuais que se estaban a desenvolver no campo da etnografía e a antropoloxía visual. Desde os seus comezos, conta coa colaboración do Espiello, o Festival Internacional de Documental Etnográfico e do Servizo de Cultura da Comarca de Sobrarbe e, como en edicións anteriores, proxectarase o seu palmarés no programa oficial do MICE. 

Como nos últimos anos, a Mostra encarga unha pequena peza audiovisual con carácter promocional. A realizadora residente en Cataluña, Raquel Rei é a responsábel da desta nova edición, despois de que en anos anteriores Illa Bufarda ou Cinta Adhesiva foran as autoras da peza que circula na rede e é xa sinal de identidade da MICE. 

O programa completo pódese consultar aquí. As entradas son de balde. 

11ª Mostra Internacional de Cine Etnográfico - Raquel Rei from Museo do Pobo Galego on Vimeo.