Unha mostra lembrará as heroínas de Sálvora en Ribeira

Unha mostra lembrará as heroínas de Sálvora en Ribeira
Heroínas de Sálvora
Heroínas de Sálvora  

Os seus nomes eran Josefa Parada, Cipriana Oujo, María Fernández e Cipriana Crujeiras, coñecidas tamén como as heroínas de Sálvora.  Sen temer polas súas vidas cun mar embravecido, apañaron unha dorna para rescatar os superviventes dun naufraxio que se saldaría con 213 persoas mortas. Unha exposición lembrará a súa historia en Ribeira, concello que aínda non ten unha rúa dedicada ás salvadoras do mar. 


Un total de 213 persoas faleceron no mar da Illa de Sálvora na madrugada do 2 de xaneiro de 1921. 53 foron rescatadas. O vapor Santa Isabel, cunha pasaxe case ao completo formada por persoas que tiñan a emigración como destino, rompía nas augas de Arousa nunha noite de temporal. Poucas persoas quedaba na illa xa que a maior parte da veciñanza continuaba en terra, onde foran conmemorar a casas familiares o inicio do novo ano sen poder regresar pola perigosa situación do mar. 

O Santa Isabel saíra no primeiro de ano da Coruña e Cádiz era o seu destino para transbordar cara América. Vilagarcía e Vigo, portos dunha traxectoria que non ía chegar ao seu fin xa que o inmenso temporal da noite fixo encallar a embarcación a poucos metros do faro da illa de Sálvora. O impacto foi tan brutal que o barco quedou fora de comunicación, imposibilitado mesmo para enviar unha mensaxe de socorro. Poucos homes e mulleres estaban naquela noite en Sálvora mais iso non impediu que tres dornas se botasen á mar, con oficio para dominar a bravura das ondas. 

Contra a morte nunha dorna salvadora

Josefa Parada, Cipriana Oujo e María Fernández tripularon unha dorna que fixo varias millas en catro viaxes co fin de rescatar aos poucos superviventes que aquela noite salvaron a vida nun mar de cadáveres. Tiñan entre 25 e 14 anos. A súa dorna encheuse de náufragos e tivo forza mesmo para remolcar un bote salvavidas, dos poucos que non rebentaron co impacto, cargado de superviventes. Cóntase que máis dunha ducia de vidas puideron salvarse grazas a súa valentía. Cipriana Crujeiras tivo tamén un papel relevante no rescate das vítimas do naufraxio. Canda elas, homes e mulleres de Sálvora e Ribeira arriscaron naquela noite as súas vidas para tentar que a traxedia do Santa Isabel non se convertese no episodio máis negro das súas augas. 

A valentía das catro mulleres e da veciñanza de Sálvora débelle Ribeira a condición de “Moi Nobre, Moi Leal e Moi Humanitaria Cidade”, título que formou parte do ronsel de recoñecementos que por aquel entón recibiron e que fai aínda inexplicábel que salvadoras da illa non conten aínda co nome dunha rúa no concello, malia terse aprobado no pleno municipal. Tampouco prosperou o proxecto de destinar unha das casas arruinadas de Sálvora a casa-museo das heroínas da illa. 

O Auditorio Municipal de Ribeira abrirá aínda sen data concreta, 93 anos despois, unha exposición que lembrará o naufraxio do vapor Santa Isabel e a memoria das catro mulleres e as máis de cen persoas da veciñanza que colaboraron no rescate. Preparada pola directora do Museo Municipal de Ribeira, Pilar Casas, a mostra recollerá obxectos, documentos, fotografías e informacións sobre as homenaxes posteriores. Unha maqueta do barco e unha recreación dun camarote serán outros dos elementos da exposición. 

No artigo “Sálvora: Illa das mulleres salvadoras”, publicado na Revista Ardentía da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Luís Teira da Confradía da Dorna de Ribeira lembra a historia do terríbel naufraxio que volve agora á memoria a través dunha exposición.