"VISIBILIZAR AS INVISÍBEIS"

Unha mostra lembra que 'O mar tamén ten mulleres'

Unha mostra lembra que 'O mar tamén ten mulleres'
Modesta e Nieves 'A Formiga' atando aparellos da ardora nos anos 60 (GALP)
Modesta e Nieves 'A Formiga' atando aparellos da ardora nos anos 60 (GALP)  
O Auditorio Municipal de Nigrán acolle unha exposición que en vindeiras datas chegará a outros concellos da contorna e que "constitúe unha crónica da vida nas comunidades pesqueiras ao longo de 100 anos e 130 quilómetros de costa atlántica".

Mariscadoras, redeiras, carrexonas, percebeiras, peixeiras, bateeiras, traballadoras da salga e da conserva... mulleres do mar que están aí, sempre o estiveron, contribuíndo co seu traballo a sacar adiante a vida nas comunidades pesqueiras, mais moitas veces “invisibilizadas”, como sinala a Nós Diario María Elena Hervello, xerente do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo–A Guarda (GALP 7).

Con ese obxectivo de “visibilizar ás invisíbeis”, a entidade que dirixe ven de organizar unha mostra temporal co título O mar tamén ten mulleres, que pode ser visitada até mañá domingo 1 de decembro no Auditorio Municipal de Nigrán, e que en vindeiras datas estará noutros concellos da contorna.Foto Interior Artigo GALP

A exposición está conformada por 30 fotografías históricas de mulleres traballando en tarefas relacionadas co mar, aportadas de xeito altruísta por veciñas, veciños e axentes sociais dos distintos concellos que conforman o territorio que abrangue o Grupo de Acción Costeira, que son A Guarda, Baiona, Cangas, Moaña, Nigrán, Oia, O Rosal, Redondela, Soutomaior, Vigo e Vilaboa.

Juan Manuel Gregorio Vaquero, presidente do Galp Ría de Vigo-A Guarda, explica que as fotografías seleccionadas “constitúen unha crónica da vida nas comunidades pesqueiras ao longo de 100 anos e 130 quilómetros de costa atlántica, contando a historia de mulleres que fixeron e fan equilibrios coa patela na cabeza, realizando incluso labores non remunerados que compaxinaban co coidado das familias, como o mantemento dos aparellos de pesca ou o restrelo dos areais”.

Todos a unha “para lembrar ás invisíbeis”

Elena Hervello relata que a idea da exposición “xorde da mesa de traballo sobre a muller” coa que conta o Galp. “No relativo ao mar hai moitas fotos de homes e moi poucas de mulleres, e pensamos que iso tiña que cambiar, por iso decidímonos a poñer o noso grao de area”, apostila.

“Para logralo apoiáronos todos os nosos socios. Tamén as confrarías de pescadores, institucións como o Museo do Mar de Galicia, o Arquivo Pacheco, asociacións culturais, deportivas, medioambientais ou de mulleres, e incluso tamén particulares, como Anxo Rodríguez, que é un estudoso de Baiona sobre o patrimonio pesqueiro”, conclúe Hervello.