CREACIÓN CONTEMPORÁNEA

Unha mostra nin pública, nin privada

Unha mostra nin pública, nin privada
[Foto: cedida] Exposición de Carla Filipe
[Foto: cedida] Exposición de Carla Filipe  
A artista plástica portuguesa Carla Filipe visita Numax na terza feira 5 de novembro para falar dos procesos creativos que imbúen a súa obra. Será dentro do ciclo Episodios de Creación Contemporánea, dentro do cal ofrecerá unha mostra centrada nos espazos de costura e a memoria familiar.

Numax inaugura a exposición «Não é privado mas também não é público», da portuguesa Carla Filipe, dentro do ciclo Episodios de Creación Contemporánea, que achega o público directamente ao obradoiro dos creadores. Na terza feira 5 de novembro terá lugar unha conversa entre a artista e o comisario, Ángel Calvo, na que se abordará a relación que Filipe estabelece entre o seu traballo e o rexistro que se fai del, atendendo aos seus case 20 anos de traxectoria.

A proposta concreta que trae a Compostela emprega roupas femininas, farrapos e pezas de costura para afondar na memoria dun pasado no que cada detalle afectaba a vida cotiá. Filipe fala das salas de costura como espazos de reunión das mulleres, nos que se desenvolvían situacións propias arredor da manufactura das roupas «nun momento previo á irrupción, primeiro da ditadura das marcas e despois do modelo fabril de moda de consumo rápido». Así, a artista transita pola memoria persoal e familiar, facendo agromar na lembranza do detalle unha análise que leva á reflexión sobre unha época e os seus cambios, cunha ollada que redescobre o pasado mediante o filtro do presente.

O pasado ferroviario da nai, o histórico vínculo sindical dese gremio, a herdanza fascista de Portugal, o trauma da militancia comunista, a tímida loita obreira ou o papel das mulleres na casa e no traballo aparecen como trazos que evocan a realidade social e persoal, a medio camiño entre o público e o privado, naquela máxima de que "o persoal é político".