CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Motörhead: clean your clock

Motörhead: clean your clock
Motörhead
Motörhead  

Dicía Lemmy que se pensas que es demasiado vello para o rock, probablemente o sexas. Lemmy sempre foi un roqueiro, nunca foi vello e iso levouno na súa vida até o final. Unha vida chea de excesos e de rock e proba diso é este derradeiro traballo da banda, un disco en directo, gravado en Munich pouco antes da súa morte.


Motörhead é unha desas bandas que escriben o seu nome con letras de ouro e lume na historia da música que deixou clásicos inesquecíbeis como Ace of Spades, Bomber, R.A.M.O.N.E.S , Orgasmatron ou Overkill, temas que a xente recoñece aínda que non sexa quen de identificalos coa banda, e moitos deles quedar inmortalizados en toda a súa esencia de directo neste álbum póstumo.

Como todas as comparacións resultan odiosas, non vou comparar este directo co incríbel “No Sleep´til Hammersmith” de 1981 que segue a ser un dos mellores directos da historia e tampouco sería facerlle xustiza a este álbum. “Clean Your Clock” era un disco necesario para pechar cun broche de ouro a carreira de Motörhead, non só como legado póstumo de Lemmy, senón como a visión actualizada dunha banda que nunca defraudou.

Dende o primeiro momento que soan as sereas anunciando o inicio do concerto e descarga seguida de Bomber, Stay Clean e Metropolis, lémbranos por que teñen o título da banda que toca con máis decibelios e apréciase que Phil Campbell e Mikkey Dee están en forma e que o xa delicado estado de saúde de Lemmy non é sinónimo de que non o fora a dar todo, malia que ese todo non fora aquilo ao que nos tiña acostumados.

Tras o saúdo de Lemmy ao persoal, continúan con When The Sky Comes Looking For You, único tema do derradeiro álbum de estudio, "Bad Magic", incluído no repertorio, para volver en breve aos clásicos con Over The Top, que pon un ritmo frenético ao concerto, freado despois por un solo de guitarra de dous minutos que se ben para min sobra, serviu tamén para dar un respìro á banda que volvou á carga con The Chase Is Better Than The Catch, un deses himnos roqueiros por excelencia.

Just ‘Cos You Got The Power é una desas caras B e Bonus Tracks condenados a converterse en pezas de culto

Lost Woman Blues, do seu penúltimo traballo Aftershock, volver a pausar de novo o ritmo do concerto, para volver aos primeiros 80 con Rock It, aperitivo ideal para o seu oscuro Orgasmatron que interpretaron dun xeito maxistral, para seguir con Dr. Rock, adicada a quen fora batería da banda recentemente finado, Phil “Philthy Animal” Taylor, na que intercalaron os solos de batería e alongaron case até os 9 minutos de duración.

Con Just ‘Cos You Got The Power, una desas caras B e Bonus Tracks condenados a converterse en pezas de culto e No Class, preparamos o camiño cara á recta final do concerto onde a banda gardaba os seus ases gañadores. Como non podía ser doutro xeito, soou o mítico Ace of Spaces, tan fresco como en 1980, para seguir en acústico coa divertidísima Whorehouse Blues e poñer o punto final coa espectacular Overkill.

E até aquí chegou a historia. Lemmy, quen parecía inmortal, morreu, mais deixounos o seu legado musical e vital. Vivindo até os últimos días como fiel a un mesmo, porque se alguén cambia o Jack Daniels con cola polo vodka con zume de laranxa por motivos de saúde, e prefire facer unha xira que agardar a morte na casa, ese só podía ser Lemmy.

Adicado á memoria de Lemmy Kilmister. Saúde e rock and roll!!

Listaxe de Temas

1. Bomber

2. Stay Clean

3. Metropolis

4. When the Sky Comes Looking for You

5. Over the Top

6. Guitar Solo

7. The Chase Is Better Than the Catch

8. Lost Woman Blues9

9. Rock It

10. Orgasmatron

11. Doctor Rock

12. Just 'Cos You Got the Power

13. No Class

14. Ace of Spades

15. Whorehouse Blues

16. Overkill

Motörhead nas redes

Web: www.imotorhead.com

Facebook: www.facebook.com/OfficialMotorhead/

Twitter: @myMotorhead