'Una mujer fantástica', con música do coruñés Nani García, gaña o Oscar ao mellor filme estranxeiro

'Una mujer fantástica', con música do coruñés Nani García, gaña o Oscar ao mellor filme estranxeiro
Nani García.
Nani García.  Foto: X.M.

Un fragmento do Oscar ao mellor filme en lingua non inglesa veuse para A Coruña. Para a casa do músico de jazz e compositor de bandas sonoras Nani García.


Multi-premiado quer na súa faceta de músico de jazz quer na de autor de partituras para o cinema, Nani García xa sabe o que é ter composto música para un filme distinguido no maior trinque do cinema planetario. A película chilena Una mujer fantástica, de Sebastián Leilio, confirmou o seu favoritismo e alzouse na madrugada desta segunda feira coa pequena estatua do tío Oscar, a reservada aos filmes rodados nunha lingua distinta á inglesa.

 

Nunha recente entrevista con Sermos, o líder do mítico Clunia Jazz -actualmente lidera o Nani García Trío- referíase a como se concretizou a súa participación en Una mujer fantástica.

 

García compuxo para este proxecto de Leilio varios cortes musicais nunha partitura asinada no seu corpo principal tamén polo director británico de música electrónica Matthew Herbert.

 

No conxunto dos premios foi La Forma del Agua, do mexicano Guillermo del Toro, o filme que obtivo os galardóns de maior brillo, incluídos os que premian a mellor película e o mellor director.



x