CRÍTICA DE CINEMA

'Mula', por Andrés Castro

'Mula', por Andrés Castro

Earl Stone (Clint Eastwood) é un horticultor nonaxenario e veterano de Guerra que, fronte as débedas, decide facer de mula para un cartel mexicano. O axente da DEA Colin Bates (Bradley Cooper) segue os seus pasos.


Novo filme do octoxenario Clint Eastwood no que tamén se volve poñer diante da cámara como actor. A última vez que o fixera, sen contar o imperdíbel documental do vigués Guillermo de Oliveira Desenterrando Sad Hill, foi en Golpe de efecto en 2012; probablemente un favor persoal para o frouxo debut de Robert Lorenz, o que fora o seu asistente de dirección habitual desde As ponte de Madison. De primeiras resulta cómico que unha das mulas ás que facía referencia Dúas mulas e unha muller (1970, Don Siegel) faga outra vez de mula case 50 anos despois... aínda que se trate de dous tipos de “mula” moi diferentes, claro.

Mula está inspirada nun artigo do New York Times escrito por Sam Dolnick titulado “The Sinaola Cartel’s 90 Year Old Drug Mule” (excelente artigo que recomendo ler após ver o filme), a incríbel historia de Leo Sharp, un ancián veterano da II Guerra Mundial que se converteu nun dos maiores transportistas de droga dun cartel mexicano. Unha historia guionizada por Nick Schenk, responsábel do libreto de Gran Torino, filme no que Eastwood interpretaba ao malfalado e racista veterano da guerra de Corea Walt Kowalski. Agora ponse na pel de Earl Stone, un donxoán de xeriátrico amante da xardinería ao que Schenk tamén converte nun veterano da Guerra de Corea.

Earl Stone sempre tivo bastante abandonada a súa familia por mor da súa gran paixón: as flores. Chegada a senectude dáse de conta de todos os erros de cometeu. Nun intento de recuperar o cariño da súa familia, e sobre todo da súa neta, fai que acepte transportar droga a través da fronteira mexicana. Curiosamente a súa imaxe de ancián fai que se acabe convertendo nunha das mellores mulas da historia, un tipo lendario e un dos obxectivos principais da DEA.

Bradley Cooper (A Star is Born) intentará dar caza a Eastwood nun esquema bastante similar a Un mundo perfecto, pero sen neno e cun desenlace moitísimo máis optimista. Destacan tamén Dianne Wiest (Hannah e as súas irmás) no rol da sufrida muller do horticultor ausente; Andy García (Black Rain) coma o capo da droga mexicano; ou Alison Eastwood (Poder absoluto), filla de Clint que fai tamén de filla do protagonista nunha sorte de chiscadela a modo de confesión pública por ese tempo “malgastado” no traballo e non pasado coa familia.

Estaríamos a falar dun filme prescindíbel se non fose porque Eastwood impregna o conxunto desa filantropía, comicidade e fina ironía “marca da casa”. Hai un punto de bondade en todas as personaxes conseguindo sacar o lado máis humano até dos tipos máis amedrentadores. Moita atención á parella de narcos latinos que acompañan e vixían ao velliño nos seus traxectos. Xeniais. Ten outras moitas cousas e achados que destacar mais quizais a mellor de todas apóstase na arteira mensaxe subxacente na que suxire que a redención pode chegar, precisamente, quebrantando as leis.

O vello Clint recupera o pulso após varias achegas “menores” (que non malas) nun dos seus mellores traballos desde Invictus (2009).

Mula

The Mule

(EUA 2018, 116 min.)

Dirección: Clint Eastwood

Guión: Nick Schenk

Fotografía: Yves Bélanger

Música: Arturo Sandoval

Elenco: Clint Eastwood, Bradley Cooper, Dianne Wiest, Ignacio Serricchio, Michael Peña, Alison Eastwood, Andy Garcia, Taissa Farmiga, Roberto LaSardo, Saul Guenzo, Laurence Fishburne, Manny Montana