A muller operaria protagoniza o novo filme de Margarita Ledo

A muller operaria protagoniza o novo filme de Margarita Ledo
Illa Lobeira. Foto: Nós. Produtora Cinematográfica Galega.
Illa Lobeira. Foto: Nós. Produtora Cinematográfica Galega.  
“A intimidade da historia de Nación, um sítio onde pousar a cabeça é a da muller operaria que, dende o agro e o mar, accede ao traballo industrial”. Así describe Nós. Produtora Cinematográfica Galega a que será a cuarta longametraxe de Margarita Ledo Andión. Esta terza feira 27 de agosto comezará a súa rodaxe.

Margarita Ledo e parte da equipa

O filme gravarase no Castro (Sada), Pontesampaio (Pontevedra), Noalla, Illa Lobeira, Castro de Rei, Vilaboa e Compostela. Ademais da dirección e o guión da propia cineasta, Nación contará coa dirección de fotografía de Alberte Branco e música de Mercedes Peón. Como “colaboracións especiais” figuran Eva Veiga -poeta e actriz-, a música Mónica de Nut, a actriz Mónica Camaño, Xoana Pintos, Bernardo Tejeda e Luis Moscardó.

“É filmar o traballo dende o corpo como arquivo de pequenos acontecementos, persoais e comunais, á marxe do relato oficial”, engade a documentación da produtora, “por iso Nación enlaza con imaxes que rexistraron a acción das mulleres en diferentes situacións e tamén coa restitución da memoria propia”.

A idea orixinal da película, cuxo título completo evoca un verso do porta portugués Manuel António Pina -“um sítio onde pousar a cabeça”-, data xa de 2015. O pasado ano obtivo o premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña, que se concede a “ideas de proxectos culturais pola igualdade” e conta ademais cunha axuda á produción de Agadic.

“Por iso Nación é filmar o vivido como índice, como vestixio, como sinal dunha época que desapareceu e que volve agromar na procura dese lugar 'onde pousar a cabeça”, conclúe o texto de presentación.

Nota: Margarita Ledo (segunda pola dereita), o director de fotografía Alberte Branco (primeiro pola dereita) e parte do equipo de Nación. A foto é de Nós. Produtora Cinemagráfica Galega.