OS DÍAS 8 E 9 DE ABRIL

As mulleres e a innovación nas artes intermedia, a debate no Teatro Colón

As mulleres e a innovación nas artes intermedia, a debate no Teatro Colón
[imaxe: Deputación da Coruña]. As relatoras da xornada "A escena galega no palco de Colón"
[imaxe: Deputación da Coruña]. As relatoras da xornada "A escena galega no palco de Colón"  

O Teatro Colón da Coruña acollerá a vindeira semana un novo programa sobre "A cultura é un dereito". A xornada tratará o papel das mulleres no panorama audiovisual e dixital.


Case un ano despois do comezo de "A cultura é un dereito", volve esta iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña. Faino con Mulleres e innovación nas artes intermedia, un novo programa que se desenvolverá os días 8 e 9 de abril no Teatro Colón da Coruña.  A xeira estará composta de diferentes obradoiros, mesas de debate e espectáculos.  

Elas teñen a palabra é a primeira das xornadas que compoñen o programa. Un día dedicado ó papel das mulleres no texto, a dramaturxia e o audiovisual. As actividades comezarán ás 15 horas, na sala 2 do teatro, cun obradoiro de vídeo poesía a cargo de Belén Montero, directora de Versogramas. Tras este, haberá unha open lab-impro aberta ao público.

As 19 horas terá lugar a mesa redonda Escrituras da escena, mediaturxias e audiovisual: contribucións de xénero. A actriz Marta Pérez, a directora Sonia Méndez e Belén Montero serán as relatoras dun coloquio moderado pola fundadora de Sala Ingravida, Irene Moreira. Ao seu remate representarase o teatro-conferencia Sofía de Marta Pérez, unha curtametraxe sobre a violencia de xénero.

O programa continuará ao día seguinte cun horario similar e nos mesmos emprazamentos. Elas son dixitais/intermedia é unha xornada na que se explorará a achega das mulleres na arte, ciencia e tecnoloxía. Ás 15 horas terá lugar un novo obradoiro, esta vez a cargo da artista e docente María Castellanos, sobre a creación dixital e a experimentación audiovisual con interfaces brandas.

A mesa redonda, que comezará as 19 horas, estará composta polas realizadoras e investigadoras Margarita Ledo e María Ruído e a enxeñeira e investigadora Nieves Rodríguez. A docente Silvia García será a moderadora nun debate sobre A arte intermedia, territorio de okupación?. As 21.30 horas escenificarase o espectáculo #14skyline da Compañía Konic.



x