300 PROFESIONAIS ASINAN UN MANIFESTO

O mundo do cinema apoia a continuidade de Gayo no festival de Ourense

O mundo do cinema apoia a continuidade de Gayo no festival de Ourense
A gala final do Festival de Cinema Internacional de Ourense en 2017. Foto: cedida.
A gala final do Festival de Cinema Internacional de Ourense en 2017. Foto: cedida.  

O proceso de liquidación da dirección do Festival de Cinema Internacional de Ourense está a levantar unha vaga de indignación entre cineastas, escritores e outros profesionais. Máis de 300 acaban de poñer en circulación un manifesto de apoio a Fran Gayo e Analía G. Alonso, encargados da dirección do certame desde 2016.
 


“Ante a situación en que se atopa o Festival de Ourense e a raíz dos últimos acontecementos, os abaixo asinantes queremos expresar o noso total apoio á xestión do equipo artístico de Gayo como director artístico e de Alonso como produtora xeral”, comeza o documento. Entre os asinantes, primeiras figuras do cinema galego recente como Óliver Laxe, Andrés Goteira, Alfonso Zarauza, Anxos Fazáns, Xacio Baños, Diana Toucedo ou Lois Patiño.

Os “últimos acontecementos” mencionados son a máis que probábel suspensión da edición correspondente a 2018 do festival debido á incapacidade borocrática do Concello de Ourense. “As dúas edicións do festival en que foron responsábeis”, continúa, “situárono nun lugar de privilexio. Renunciar a iso por unha cuestión de burocracia é unha mala xestión por parte da administración pública da que depende o festival”.

O Goberno local de Jesús Vázquez -o único das sete cidades en mans do Partido Popular- comunicou a Gayo e Alonso a imposibilidade de contratar o retso do equipo de dirección co que funcionaran en 2016 e 2017 cando xa estaba en marcha o encontro de 2018. Escudouse na Lei de Contratos do Sector Público e na súa demora en aplicala. Os prazos converteron en “imposíbel” chegar a tempo a outubro, a data anual do festival.

“Agardamos, desexamos, que polo ben da cidade, da cultura, da cidadanía, os responsábeis políticos sexan quen de atopar a maneira de solucionar estes problemas burocráticos”, conclúe o manifesto, “e atopen a saída a unha situación que non debería producirse nunca. Polo restabelecemento de Gayo e Alonso á fronte do festival. Aínda pode salvarse”.

Canda os asinantes galegos e galegas aparecen os nomes de autoras e autores internacionais, algúns deles nomes de extraordinario relevo no cinema contemporáneo máis arriscado: Mariano Llinás, Luis Ospina, Jonás Trueba, Albertina Carri, Dolores Fonzi ou Isaki Lacuesta.



x