CADAVAL DIRIXE "ARNOIA, ARNOIA"

O mundo literario de Méndez Ferrín viaxa ao circo

O mundo literario de Méndez Ferrín viaxa ao circo
[Imaxe: cedida]
[Imaxe: cedida]  

Arnoia, Arnoia é unha novela de aventuras, épica como corresponde ao seu autor, Xosé Luís Méndez Ferrín. A compañía Pistacatro e o Centro Dramático Galego, con dirección de Quico Cadaval, lévana ao circo. Sermos Galiza asistiu a un dos últimos ensaios antes da estrea. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 317 de Sermos Galiza.


6Que a luz é fundamental para o teatro percíbese ao entrar nun ensaio. Os focos brancos anulan parte da singularidade do escenario. As actrices e os actores, vestidos de civil -neste caso con roupa deportiva: é unha compañía de circo-, non poden xogar coas sombras. O que hai na tremoia fica á vista. E, de súpeto, o director ordena probar un paso concreto da obra: a técnica de iluminación toma o mando e a noite do deserto aprópiase do Salón Teatro de Compostela. Os intérpretes introdúcense nun vestiario de reminiscencias beduínas e constrúen un paseo acrobático dirixido “ás terras máis altas do mundo”. O teatro é, de novo, o teatro ao que adoita  enfrontarse o espectador.


Sobre o palco atópanse cinco membros de Pistacatro. Ás ordes de Quico Cadaval, axudado na dirección por Clara Gayo, ultiman un ousado experimento: trasladar á linguaxe do teatro-circo a nouvelle de Méndez Ferrín Arnoia, Arnoia (Xerais, 1985). Faltan catro xornadas laborais para a estrea -a quinta feira, 11 de outubro- e a mañá de traballo á que asiste Sermos Galiza está dedicada a pequenos axustes, aclaracións e práctica dalgúns números complexos, arriscados. Por caso, un en que a actriz Ánxela Blanco ve pasar a rente os machetes lanzados por dous compañeiros.

“A ver, poñédevos de acordo”, di, entre divertida e temerosa, mentres os colegas se botan as armas. Clara Gayo segue a escena e dá instrucións relacionadas coa posición das persoas sobre o escenario. Ao tempo, no fondo da sala, Cadaval e o técnico repasan a banda sonora. Que alterna músicas de procedencia diversa -unha canción drum’n’bass, a zanfona de Germán Díaz- e a narración de pasaxes do libro de Ferrín recitados polo propio dramaturgo. “Eu chegaba a Lee Pirento en percura da tenda de Brandeberis, lugar que tódolos da Raza sen Nome visitaban para escoitar e confortárense na súa viaxe interminábel en dirección ó ocaso”, lese no capítulo 5, As Palabras Retorneadas.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 317 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]