FESTICLOWN ATE O 14 DE AGOSTO

O mundo dos pallasos, en Vilagarcía

O mundo dos pallasos, en Vilagarcía
O Trío Refugallo na súa actuación da quinta feira 9 de agosto en Vilagarcía de Arousa. Foto: Festiclown.
O Trío Refugallo na súa actuación da quinta feira 9 de agosto en Vilagarcía de Arousa. Foto: Festiclown.  

“Risas rebeldes” é o seu lema. Para provocalas, os seus métodos son diversos: monicreques, malabarismos, maxia, música. Son, en resumo, os pallasos, e organizan o Festiclown. A súa vixésima edición comezou esta quinta feira en Vilagarcía de Arousa e esténdese ate a terza, 14 de agosto.
 


O pasarrúas con instrumentos máxicos de Pulpiño Viascón animará a vila esta mañá e mais ao serán. E o Cirk About It porá, ás 21.30 horas na Praza de Galicia, o prato forte da xornada: O Apartamento, espectáculo de rúa baseado, sobre todo, na acrobacia.

cartel_Festiclown_Vilagarcia2018

Para o sábado 11 de agosto, abrirá a exposición Inclownsiva. Os Animacreques de Catropés animarán as rúas de mañá e de tarde. Como o fará, na Praza do Castro ás unha do mediodía e ás oito do serán, Dani García, co seu espectáculo Código. Vol'e Temps pecha o día con Mundos de papel, que xunta teatro, circo e danza. Será ás 21.30 na Praza de Galicia.

A “Gala Solidaria Familiar” abrirá o domingo na mesma praza ás doce do mediodía. Participan Isla Letriska, Pajarito, Amontonados por azar e Komotedigorodrigo. Xa de tarde, Mundomandarina achegará á Praza do Castro O meu avó é mago, maxia e comedia nunha soa sesión, que será ás oito do serán. Ás 21.30 horas, haberá circo a cargo de Passabarret na Praza de Galicia.

A segunda feira, 13 de agosto, a programación inciarase ás 11 da mañá coa Historia de Brancaflor, a cargo de Fran Rei. La Bandita Alegre, Mundomandarina, Pablo Cool & Dimitry e Kanbahiota completan o día do Festiclown. Para a última das xornadas quedan La Bandita Alegre, Pablo Cool, o Checkpoint Clown de Pallasos en Rebeldía -compañía ligada á organización do encontro- e mais Alberto San Juan, que ofrecerá o seu Autorretrato dun mozo capitalista español ás 21.30 horas no Salón García.   

Este ano, ademais, os artistas tamén ofrecerán espectáculos en parroquias do municipio como Carril, Sobradelo, O Sixto ou Vilaxoán.

O Festiclown organízao o Concello de Vilagarcía, xestiónao Culturactiva e conta con numerosos colaboradores, entre eles a Xunta, o Goberno español ou La Caixa.



x