Á VENDA O 4 DE NOVEMBRO

“O mundo está parado”, novo disco de Guadi Galego

“O mundo está parado”, novo disco de Guadi Galego

O 4 de novembro será o día que vexa a luz o terceiro traballo de Guadi Galego, O mundo está parado, un disco plural, universal e diverso que reflexiona arredor da imposibilidade da coherencia. A compositora adianta, en declaracións a Sermos Galiza, que segue o ronsel de Lúas de outubro e agosto, o seu anterior disco.


Guadi Galego regresa á escena co seu terceiro disco en solitario: O mundo está parado, que sairá á venda o 4 de novembro. Trátase dun conxunto de dez cancións onde a pluralidade, a universalidade e a diversidade están presentes.

“É un chisco máis arriscado a nivel música e é máis sofisticado”

A propia Guadi Galego compuxo seis dos dez temas que forman parte dun traballo que segue o ronsel de Lúas de outubro e agosto, “é un chisco máis arriscado a nivel música e é máis sofisticado”, explica en declaracións a Sermos Galiza. Tres dos temas son asinados por Carlos Abal, autor das fotografías, e Pachi García, quen exerce de novo como produtor, é o compositor doutra das cancións.

O mundo está parado xorde da necesidade de nos activar humanamente, “humanos somos, mais estamos deshumanizados”, afirma, “estamos máis parados do normal”. Tamén trata este traballo da dificultade de sermos coherentes co noso pensamento, “se cadra, quizais porque vimos deste chamado primeiro mundo”. Aliás, o disco afonda no individuo como pluralidade, “un non se recoñece a si mesmo até que os demais son capaces de velo”, advirte Guadi Galego.

Produto coidado

O traballo coidado da compositora tamén se verá reflectido no formato do disco: vinilo-CD indivisíbel con fotografías. “A idea é poñer en valor as cousas feitas con moito esforzo e moito sacrificio”, sinala Guadi Galego. Trátase dun produto de luxo a prezo accesíbel, xa que sairá á venda por vinte euros. Tamén estará dispoñíbel nas plataformas dixitais.

A tirada do novo disco -en formato vinilo-CD- será de mil unidades

A tirada do novo disco da compositora galega será de mil unidades, “só reeditaríamos se se esgotasen moi rapidamente”. “Espero que escoite este novo disco toda a xente que escoitou Lúas, co mesmo respecto, coa mesma ilusión e coa mesma emoción”, salienta.

O mundo está parado é o terceiro disco en solitario de Guadi Galego após Benzón e Lúas de outubro e agosto. Na súa intensa traxectoria musical, a compositora galega tamén formou parte de proxectos como Berrogüetto, Nordestinas, Espido ou aCadaCanto. 



x