ARTISTA FERROLÁ

O MUSAC dedícalle unha exposición monográfica a Pamen Pereira

O MUSAC dedícalle unha exposición monográfica a Pamen Pereira
Pamen Pereira
Pamen Pereira  

É un dos museos de arte contemporánea máis importantes da Península e vén de inaugurar unha mostra dedicada á artista ferrolá titulada 'La mujer de piedra de levanta y baila'. 


O MUSAC (Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León), dirixido por Manuel Olveira (ex director do CGAC durante o bipartito), ven de abrir a expo 'La mujer de piedra se levanta y baila', na que reúne unha selección de 25 traballos da artista Pamen Pereira (Ferrol, 1963) realizados desde a década de 1990 até a actualidad, entre os que se encuentran catro pezas inéditas: 'Cabaña para pensar', 'La doma del buey', 'Voz primal' e a obra que dá nome á exposición, 'La mujer de piedra se levanta y baila'. Poderá visitarse até o 4 de setembro deste ano. 

Practicante habitual da filosofía zen, os anos que pasou en Xapón e as súas constantes viaxes foron esenciais na configuración da práctica artística de Pamen Pereira, que supón unha constante procura do espertar da mente cara á iluminación a través da meditación. A súa obra busca unha unidade entre a materia e o espírito, e atópaa na comuñón da natureza coa imaxinación e o proceso creativo. Como sucede na estética xaponesa, Pereira busca o sentido da vida a través dun impulso poético na arte, no que a beleza equivale á harmonía. As súas obras xeralmente atopan a beleza a partir da natureza, utilizándoa como materia prima e transformándoa en imaxes poéticas e misteriosas.
 
Así, as obras de Pereira xorden dos elementos básicos da vida, unidos á imaxinación. As obras que se mostran en 'A muller de pedra levántase e baila'  retratan a faceta de Pereira de artista-alquimista, que queda de manifesto no uso e na manipulación de diferentes materiais e medios. Así, a terra, o aire, a auga e o lume convértense en obxectos poéticos que forman un ciclo vital dentro dun espazo expositivo que adquire aires rituais.

Pamen Pereira

Pereira é unha das representantes máis destacadas da arte contemporánea galega. Ten exposto a súa obra en galerías e museos de todo o mundo, desde numerosos puntos da Península até Xapón, Irán, Venezuela, Alemaña, Estados Unidos, Suíza ou Exipto.  
 
O seu traballo móvese entre o debuxo, a pintura, a escultura e a instalación. Ás veces tamén utiliza a fotografía ou o vídeo, ou calquera outro medio ou materia útil para concretar o acto creativo.