A música de cámara volve a Ourense en marzo

A música de cámara volve a Ourense en marzo
La Reverdie
La Reverdie  

A novena edición do Festival Internacional Pórtico do Paraíso ofrecerá concertos de Les Éléments, Katonia Twins Guitar Duo, Manuel Vilas, Capella Duriensis, Emilio Villalba e Sara Marina, laReverdie e Spanish Brass Luur Metalls. 


O Festival Internacional de Música de Ourense ‘Pórtico do Paraíso’ celebrará a súa novena edición do 4 ao 13 de marzo cunha programación que inclúe sete concertos a cargo de formacións de cámara procedentes de varios países, unha conferencia de Cecilia Rodrigo e varios encontros entre intérpretes.

O festival, que este ano presenta como principal novidade a ampliación do seu programa ás localidades de Celanova e de Esgos, foi presentado hoxe segunda feira. Así, na cidade de Ourense, a catedral de San Martiño acollerá o venres 4 de marzo o concerto inaugural deste IX ‘Pórtico do Paraíso’, protagonizado polo coro de cámara francés Les Éléments. O domingo 6 a programación trasladarase á Igrexa de Santa María Nai, onde actuará o dúo húngaro de guitarras Katonia Twins Guitar Duo, en tanto que o arpista Manuel Vilas ofrecerá un recital o 9 de marzo no Museo Arqueolóxico. O 11 de marzo, a ‘ensemble’ medieval italiana laReverdie tocará na Igrexa de Santa María Nai e o quinteto de vento metal Spanish Brass Luur Metalls ocupará o Teatro Principal o domingo 13 de marzo, na que será a última cita do festival deste ano.

Ademais, o Mosteiro de San de Pedro de Rocas, en Esgos, acollerá o 5 de marzo o dúo de música medieval que integran Emilio Villalba e Sara Marina; e o Mosteiro de San Salvador de Celanova será o escenario que reciba 12 de marzo o coro de cámara portugués Capella Duriensis. Estes dous concertos contan coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense.

O programa paralelo desta novena edición complétase cunha conferencia a cargo de Cecilia Rodrigo, filla do mestre Joaquín Rodrigo, que terá lugar o 7 de marzo no Liceo de Ourense, así como os encontros instrumentais con Manuel Vilas e con laReverdie que se desenvolverán no conservatorio de Música CMUS de Ourense.  
 
 



x