Música, cultura e imaxe para pór en andamento a Associaçom José Afonso na Galiza

Música, cultura e imaxe para pór en andamento a Associaçom José Afonso na Galiza
Benedicto García Villar e Zeca Afonso, durante un concerto da primeira xira galega do Zeca, en 1972
Benedicto García Villar e Zeca Afonso, durante un concerto da primeira xira galega do Zeca, en 1972  

A entidade é un dos núcleos da AJA-Portugal, cuxo obxectivo é divulgar o legado do cantautor, e ofrecerá unha batería de eventos no próximo sábado 27


A Associaçom José Afonso anunciou esta pasada quinta-feira a creación dun núcleo do organismo no noso país. A AJA-Galiza inicia a súa traxectoria cun programa de actividades culturais no próximo sábado 27 de xaneiro en Santiago de Compostela. Unha palestra, unha exposición e un grande concerto homenaxe servirán para difundir o labor artístico do artista portugués, quen durante a súa vida teceu fortes relacións co noso país.

 

As galegas Uxía, Nao, Falua, Xico de Carinho & Manolo Bacalhau, a Banda das Crechas e Do fondo do peto ofrecerán un recital conducido polo humorista Carlos Blanco xunto cos artistas portugueses Francisco Fanhais, Cais da Saudade e Tiago Fernandes. Será ás 22 horas na sala Malatesta e as entradas, cun prezo simbólico de 3 euros, poden reservarse xa a través do sitio web da entidade, para seren retiradas na mesma sala a propia noite do concerto. Alí tamén estarán á venda o material promocional da AJA-Galiza, que consistirá en camisolas, bolsas e crachás co lema ‘Tal vez ninguém me entendesse como na Galiza’, cita textual do Zeca que pon de relevo a forte ligazón co noso país. As persoas interesadas tamén poderán adquirir este merchandising a través da web.

 

cartazAmais da música, o arranque da asociación galega contará coa palestra O triângulo mágico na vida e obra do Zeca Afonso: África-Portugal-Galiza, que será impartida no mesmo día ás 18 horas na Gentalha do Pichel polo vicepresidente da entidade portuguesa, Paulo Esperança. O palestrante fai parte dunha delegación da AJA-Portugal que se achegará a Santiago de Compostela para participar nunha recepción institucional e unha cea de confraternización, amais dun acto na praza Zeca Afonso, ubicada a carón do Auditorio de Galicia. Foi nese lugar, nas antigas instalacións do Burgo das Nacións, onde Afonso tería tocado por primeira vez o Grândola, vila morena, símbolo da Revoluçãodos cravos.

 

E para pór o ramo a estes eventos, a Casa das Crechas acollerá a partir da sexta feira 26 de xaneiro -e até o próximo 28 de febreiro- Zeca: o que foi e o que é, unha exposición fotobiográfica que recolle 32 paneis. Esta trintena de imaxes amosará a vinculación do artista con Galiza, e como este inspirou parte da súa obra nas músicas populares galegas.

 

Tamén a partir desa fin de semana será aberto o prazo para facerse socia ou socio da organización, que adianta que haberá máis actividades ao longo do ano por todo o país.

 

José Zeca Afonso, finado en 1987, contribuira fortemente a popularizar as reivindicacións políticas e sociais coa súa música.  Durante a súa vida, e mesmo após o seu pasamento, foran moitos os recoñecementos dos que gozou no noso país e que hoxe toman forma na AJA Galiza, impulsada por un grupo de activistas galegos. “O Zeca foi um crítico com qualquer forma de servidume e hipocrisia e un promotor das solucións colectivas, da fraternidade e da criatividade popular. Mais tamén tivo Galiza como a súa segunda patria. E é por iso que as actividades da AJA Galiza irán servir de ponte a unha e outra beira do Miño e da raia seca”, sinalan desde a asociación.