FESTIVAL DOS EIDOS DO 23 AO 25 DE AGOSTO

Música, danza e poesía no Courel dos tesos cumes

Música, danza e poesía no Courel dos tesos cumes
Imaxe dunha pasa edición do Festival dos Eidos, en Parada do Courel. Foto: cedida.
Imaxe dunha pasa edición do Festival dos Eidos, en Parada do Courel. Foto: cedida.  
O territorio real que deu lugar a un dos mundos poéticos máis determinantes da literatura galega contemporánea acolle esta fin de semana a quinta edición do Festival dos Eidos. Música, danza ou poesía conforman un programa “multidisciplinar” cuxa sede será a casa natal de Uxío Novoneyra, autor dos Eidos, pero estenderase por toda a aldea de Parada entre o 23 e o 25 de agosto.

Xosé Luís Méndez Ferrín, Pablo Fidalgo -que vén de publicar Parangolé (Chan da Pólovora, 2019)-, Nieves Neira e Rafa Lobelle serán os poetas protagonistas. A actriz Iria Pinheiro e a bailarina Kirenia Martínez ofrecerán “as súas escenas”. Como cantautores, aínda de excepcional singularidade, estarán O Leo de Matamá -un dos heterónimos do Leo i Arremecághona- e mais Emilio José.

Nas sesións Valumbo picarán discos XaviB, DJ Tristón e os Costaleros do Día Anterior. E Selvática e o seu punk de corazón brasileiro ou Laura Lamontagne, tamén cantautora, completan a oferta musical. Haberá ademais unha proxección de Trinta Lumes, o aclamado filme de Diana Toucedo sobre a vida actual no Courel.

Ademais haberá unha homenaxe ao poeta Carlos Oroza a cargo dos pintores Antón Lamazares e Antón Patiño, obradoiros artísticos ou rutas de ornitoloxías centradas nos paxaros do libro Os Eidos.

O Festival dos Eidos conta co apoio da Deputación de Lugo, a Xunta, o Concello do Courel, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel, o Ministerio de Cultura, a Universidade de Compostela e algúns patrocinios privados.