PRESENTACIÓN DE 'PONDALIANA' O 8 DE MAIO

A música de Pondal, en Compostela

A música de Pondal, en Compostela
O poeta Eduardo Pondal. Foto: cedida.
O poeta Eduardo Pondal. Foto: cedida.  

Pondaliana son 15 poemas de Eduardo Pondal con ilustracións de Leandro Lamas e música de máis dunha ducia de artistas. En formato libro disco, editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e A Mesa pola Normalización Lingüística, o traballo preséntase esta cuarta feira, 8 de maio, en Compostela, da man da Asociación Cultural O Galo.
 


O acto será ñas oito e media do serán no Espazo Enocultural Vide, Vide! e nel participarán o músico Xoán Padín, o escritor Francisco Rodríguez -coordinador do volume-, o presidente da Mesa Marcos Maceira e Pilar Reino, da AS-PG. Ao remate haberá un viño galego para as asistentes.

Pondaliana naceu en 2017, centenario do autor de Queixumes dos pinos, por iniciativa da Sociedade Cultural Medulio de Ferrol. “A agrupación tomou como compromiso articular un espectáculo musical baseado no grande poeta galego”, explica O Galo, “para evidenciar o valor, a vixencia e a adecuación para a música do variado xénero e estilo da súa poesía”.

Entre os músicos de Pondaliana atópanse Xoán Padín, Alberte López, Lidia Piñeiro, Roberto Vázquez, Alberte Maceiras ou Andrés Pazos.