A música tradicional en loito polo pasamento de Antón Varela

A música tradicional en loito polo pasamento de Antón Varela
Antón Varela [Foto: Asociación de Gaiteiros  Galegos]
Antón Varela [Foto: Asociación de Gaiteiros Galegos]  

Gaiteiro, compositor e luthier, Antón Varela -Tonecho para os seus achegados- fora tamén membro d'Os Cempés. Enterrouse esta tarde en Ferrol. 


Antón Varela (Ferrol, 1955) finaba onte no Día da Patria por mor dun cancro e hoxe foi soterrado no cemiterio de Catabois. O mundo da música tradicional galega amosou a súa consternación onte e hoxe nas redes sociais. 

A Asociación de Gaiteiros Galegos definiuno como unha das "figuras de referencia da nosa cultura tradicional galega" e un dos máis recoñecidos artesáns, "dunha excepcional delicadeza e capaz de converter cada instrumento nunha obra única" desde o seu obradoiro da rúa San Francisco, en Ferrol Vello, "lugar de peregrinación para gaiteiros de todo o mundo e desde o cal o son das súas gaitas animaba a veciños e visitantes". Segundo este colectivo, Varela "deixa un valiosísimo legado vinculado coa música tradicional galega, pero deixa sobre todo unha gran pegada naqueles que tivemos a sorte de telo coñecido, e que o levaremos sempre na memoria".

Músicos, bandas e gaiteiros de todo o país amosaban a súa dor e as súas condolencias nas redes sociais.  Anxo Pintos (ex Berrogüetto) definíao así: "Tan grande como bo e elegante. Ata sempre raparigo". Bieito Romero (Luar na Lubre) aínda non daba crido a noticia; e Óscar Ibáñez despedía dicindo: "Onte, día de Galiza, foise un grande da nosa música tradicional e folk". 

Os seus ex compañeiros d'Os Campés, con quen compartiu anos de andaina, lembraron o seu legado: "Quedan con nós as preciosas músicas que nos aprendeu e o recordo de mil aventuras que pasamos xuntos. Grazas Tonecho". 

Gaiteiro, artesán e compositor

Nado en Ferrol en 1955, Antón Varela foi gaiteiro, artesán e compositor. Comezou tocando primeiro o bombo e o tambor, pero pronto descubriu a súa paixón pola gaita. Formou parte de grupos como Os Cempés, Follas Novas, Os raparigos ou Berros do Castro onde ademais realizou un gran labor de recuperación da memoria gráfica da gaita galega.


Gran apaixoado da nosa terra, a súa gran vocación sempre estivo ligada á gaita. En 1986 deixouno todo para concentrarse na música, que era a súa verdadeira vocación e marchou a Lugo para formarse como 'luthier' baixo as ensinanzas de Xosé Seivane.



x