VI PREMIOS MARTÍN CÓDAX

As músicas galegas aproveitan a gala dos seus premios para reclamar “normas claras”

As músicas galegas aproveitan a gala dos seus premios para reclamar “normas claras”
premios martin codax
premios martin codax  

Setecentas persoas asistiron esta cuarta feira á entrega dos premios Martín Códax da música galega. E as 700 escoitaron a súa representación asociativa reclamar “normativas claras” e máis espazo para o seu traballo nos medios de comunicación e nas salas de concertos. A gala descubriu, finalmente, as gañadoras das 18 categorías. Carlos Barruso recibiu o premio honorífico.
 


“Queremos espazos de promoción e difusión para a música galega nos medios públicos, que deben ser independentes, veraces e críticos, e libres da inxerencia do poder”, afirmou Sonia Lebedynski, presidenta de Músicas ao Vivo, quen tamén se referiu á necesidade de que “os grandes investimentos deixen de sufragar infraestruturas e se destinen a garantir unha presenza musical galega representativa”. As salas e festivas deben, ao seu ver, “facer un esforzo por programar música galega”.

Non é a visibilidade a única batalla que disputa o sector. Lebedynski amosou a súa preocupación “nun intre de intensas mudanzas lexislativas”. O proxecto de Estatuto do Artista, os decretos estatais aprobados nos últimos meses, a nova Lei de Contratos do Sector Público, a reforma do Real Decreto que regula a actividade de artistas en espectáculos públicos ou o convenio colectivo estatal de persoal de salas de festa, baile e discoteca son algúns deles. Ao tempo, felicitou os concellos de Compostela e Pontevedra “polas súas iniciativas para buscar solucións que permitan seguir facendo música ao vivo en salas e locais”.

O impulso da presenza de mulleres “en todos os ámbitos da industria musical e nos postos directivos” e a “creación de novos públicos a través dunha educación musical que fomente desde a infancia a creatividade e o pensamento diverxente2 foron outros puntos do discurso de Lebedynski na festa maior da música galega, celebrada no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Gala da “diversidade”


Foi o dramaturgo Quico Cadaval o encargado de dirixir o festexo, as poetas María Lado e Lucía Aldao de presentalo, e o septeto de jazz de Pablo Castaño, de amenizalo. Amosar a diversidade da música galega e o seu carácter permeable e viaxeiro era o obxectivo confeso da xornada. Para cumprilo, Cadaval “debuxou unha viaxe pola historia da música galega con paradas inesperadas, momentos delirantes e historias nunca antes contadas”.

Entre outros fitos revisitados, compareceu o mítico musicólogo estadounidense Alan Lomax -que visitou Galiza e gravou músicas tradicionais a mediados do pásado século-, Martín Códax “líder da movida galega medieval” ou o Tiro-Liro de Delio Rodríguez como superhit. Voces Ceibes, Luís Emilio Batallán, Andrés do Barro e María Manoela simbolizaron os 70 e un Galicia Caníbal conxunto pechou unha noite en que houbo “noticia bomba”: sobre as presuntas orixes segovianas da Rianxeira.

A sexta edición dos Martín Códax, organizados por Músicas ao Vivo co patrocinio das bodegas que lles dan nome e o apoio do concello pontevedrés e mais a Deputación, escolleu entre 442 proxectos estes gañadores:

POP/iNDIE Igloo

ROCK Bala

METAL Nao

JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS Xosé Miguélez – ONTOLOGY

MÚSICAS URBANAS Wöyza

CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA Adrián Saavedra

MÚSICA TRADICIONAL E FOLQUE Tanxugueiras

MÚSICAS DO MUNDO Marcos Teira – NÓS

MÚSICA INFANTIL Xoán Curiel e A Banda do Verán – A CASA DO TERROR

MÚSICA ELECTRÓNICA Baiuca

REGGAE/SKA/MESTIZAXE Banda Crebinsky

ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA Orquestra Los Satélites

BLUES/FUNK/SOUL Carmen Rey

CANCIÓN DE AUTOR/A Su Garrido Pombo

COROS E GRUPOS VOCAIS Ejazz

ORGANISTRUM FESTIVAIS Festival de Pardiñas

ORGANISTRUM SALAS El Contrabajo Club

ORGANISTRUM ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL Diario Cultural

PREMIO HONORÍFICO MÚSICAS AO VIVO 2019 Carlos Barruso