ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL

“Na cabeceira da miña cama están Manuel Antonio, Rosalía de Castro e Lois Pereiro”

“Na cabeceira da miña cama están Manuel Antonio, Rosalía de Castro e Lois Pereiro”

Entrevistamos a poeta galega Rosalía Fernández Rial, quen publica a sección Alén Lindes no Caderno de Verán do Sermos Galiza.


Rosalía Fernández Rial é unha poeta galega que se considera a si mesma de vangarda. A música está moi presente nas súas obras, como no seu último traballo, Elo, no que mestura en doce pezas a poesía e a música. Rosalía, ademais publica no Caderno de Verán de Sermos Galiza a sección Alén Lindes. Conversamos con ela para coñecer a persoa e a súa obra.

Escrebe poesía máis mestúraa con musica e con pezas audiovisuais. Que lle engaden o vídeo e a música á súa escrita?

O que lle engaden é unha perspectiva interdisciplinar e a concepción de que a arte é unha e múltiple. O que importa máis é esa idea poética que logo ten diversos medios e linguaxes á súa disposición para se expresar. Un concepto que permite adaptar formatos distintos. Nese senso creo moito no diálogo entre as linguaxes que poden enriquecer a mensaxe e facer que chegue de maneira máis intensa ao lector ou espectador.

O feito de que un poema estea pensado para ser mesturado coa música fai que teña unhas características específicas ou é simplemente un poema ao que logo se lle adapta unha música que se lle adecue?

A concepción musical para min ten moita importancia na composición do poema, é dicir, máis alá de que logo leve música para min o poema ten un compoñente musical imprescindíbel. Busco moito a musicalidade propia da palabara. A poesía é palabra, mais esa palabra é música, pois o poema ten ritmo e rima. Eu penso que desde esa concepción musical da poesía existe unha maior predisposición do poema para ser logo musicado.

En cambio, o vídeo vai tamén da man da escrita ou é, sinxelamente, un valor engadido?

O vídeo se cadra si que é máis engadido nese sentido. Eu cando estou compoñendo o poema non estou a pensar no vídeo. Non o concibo como no caso da música, no que o poema xa leva esa músicalidade interna e no que vou compoñendo e sentindo a música sobre el. No vídeo non acontece así. É algo que fago a posteriori, logo xa colaboro con outras persoas que si teñen esa concepción visual e a partir do poema nace outro produto distinto, no que se incorpora a música e a escrita.

"Creo moito no avance e na vangarda desde a tradición"

Este produto afástase moito da convencionalidade da poesía tradicional, definiríase como vangardista?

A vangarda é para min un dos referentes máis importantes na historia da literatura, en xeral, e na galega, en particular. Manuel Antonio é un referente moi importante para min, mais é verdade que a miña linguaxe é moi contemporánea. Con todo, creo moito no avance e na vangarda desde a tradición, é dicir, na concepción de que camiñamos ao longo de xigantes. Se lemos un poema de Rosalía de Castro existe esa concepción musical que rompe os moldes do que é o romanticismo máis grandilocuente, que non está en Rosalía en cuxos poemas se atopa unha musicalidade absoluta. En definitiva, sitúome na contemporaneidade e na vangarda, pero leo moito a nosa literatura. Non se pode avanzar sen ter unha raíces.

A musicalidade sempre estivo presente na lírica…

Precisamente estaba a pensar na lírica medieval galega. Cando empezo co meu grupo a facer un espectáculo interdisciplinar musicando os poemas e facendo espectáculos baseados na arte contemporánea, nunca podemos esquecer que non somos outra cousa que xograres contemporáneos. A lírica medieval galega, para min, foi vangarda tamén no seu día.

"Na cabeceira da miña cama están Manuel Antonio, Rosalía de Castro e Lois Pereiro"

Falando das referencias culturais, cal sería a autora ou autor que máis lle inflúe?

Hai autores imprescindíbeis da literatura galega, cos que durmo ao meu carón. Na cabeceira da miña cama están Manuel Antonio, Rosalía de Castro e Lois Pereiro, quen nesta xeración de poetas novos e novas tivo unha repercusión fundamental.

"En todos os poemas están moi presentes o compoñente actoral e a performance"

Recuperando a parte escénica da súa obra, considera que ten un punto de actriz?

Si. Non podo negalo. O compoñente teatral é fundamental. Ademais, no ámbito académico tamén me especialicei bastante no teatro e as miñas pezas van, en certa medida, dirixidas cara el. En todos os poemas están moi presentes o compoñente actoral e a performance.

Falando dos textos que estás a publicar no Caderno de Verán de Sermos Galiza, cal é o nexo común entre todos eles?

O nexo común é partir da imaxe, en orixe, e deixala falar dalgún xeito. Igual que os pintores do proxecto Derrubando muros con pintura, rompen con ese muro que había antes e nos trasladan a outro mundo, o meu ideal ou utopía é trasladar ao lector das páxinas de Sermos a outros lugares. Estean onde estean que poidan sobrepasar eses límites e viaxar a ese lugar que hai Alén Lindes, de aí o título da sección onde publico os poemas. Máis alá dese muro da cotidianeidade que non nos deixa ver o que hai máis alá, a poesía e a arte.