MANU FERNÁNDEZ, ORGANIZADOR DO FESTIVAL A CANDELORIA

"Cun festival en inverno arriscas máis"

"Cun festival en inverno arriscas máis"
Manu Fernández [Imaxe cedida / Dysprom]
Manu Fernández [Imaxe cedida / Dysprom]  

Entrevistamos Manu Fernández, organizador da Candeloria, festival de música que terá lugar o 19 e 20 no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.


Van pola súa terceira edición e xa son un dos festivais de referencia na tempada de inverno. Se na pasada edición as bandas que compuñan o cartaz pronosticaban o éxito, que finalmente recolleu, nesta edición os grupos semella que tampouco defraudarán.

Desde a organización animan a se achegar ate Lugo o 19 e 20 de febreiro para facer parte dunha experiencia que vai para alén da música.

Conversamos con Manu Fernández, un dos organizadores do Festival A Candeloria.

Como vai a venda de entradas?

Como todo, pouco a pouco, ano a ano o festival vai medrando en número de asistentes e tamén en calidade das cabezas de cartaz. Este ano teremos grupos que tentaramos traer noutras edicións como os Diplomáticos ou Sociedad Alkoholica. Polo de agora levamos vendidas 400 entradas máis que o ano pasado. Temos aproximadamente mil embora contar cun aforo máis amplo que o pasado ano, con 3 mil.

“Na Candeloria creouse un ambiente que non hai noutros festivais”

Volvedes ao Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Como foi a experiencia neste emprazamento?

Este ano temos unha novidade. Contaremos con outro pavillón, para alén dos dous que había disponíbeis na edición anterior. Será para unha acampada alternativa despois de que ficara pequena a de 2015. Nesta ocasión daremos albergue a toda a xente. Eliximos o Pazo porque para a organización o lugar é primordial e tamén o ambiente deste recinto préstase. E grande e acolledor, ademais a acampada e os concertos están ao lado. Hai moi bon rollo entre os grupos, o persoal que traballa e as persoas que asisten. Creouse un ambiente que non vira nunca noutros festivais.

É máis doado facer un festival en inverno, sobre todo á hora de contratar os grupos?

Mais doado non. Cun festival en inverno arriscas máis. Non hai turismo. A xente que vén faino expresamente para vir ao festival. No verán, para alén do público que se despraza tes unha porcentaxe de persoas que están de vacacións e sempre poden achegarse.

Ademais de ser inverno é en Lugo...

Temos dúas acampadas, pedímoslles que veñan abrigadiñas e abrigadiños ou con parella, ou que a busquen no festival... [di rindo].

Entre os grupos só atopamos un con mulleres, unha fotografía que se repite de maneira habitual nos festivais. Por que?

Esa é a pregunta do millón. Vivimos nun mundo patriarcal. Mentres organizábamos o festival pensamos: 'aquí falta algo'. Faltaban mulleres de maneira que nos puxemos a buscar. Contactamos con varios e finalmente contaremos coas Habelas Hainas que nos parece o grupo perfecto.

"Este ano teremos dúas acampadas para darlle albergue a toda a xente, o ano pasado ficou pequena"

A Candeloria non é só concertos, que actividades haberá este ano ao longo do día?

Serán moi semellantes ás do ano pasado, cantos de taberna, sesión vermú e outras cousiñas que iremos contando máis adiante coas que queremos que as crianzas tamén teñan o seu espazo. É complexo levar o festival máis aló do Pazo, aínda que é un dos nosos obxectivos. Os locais do centro teñen certa desconfianza se isto non lles repercute dalgunha maneira tamén a eles.

Para aquelas persoas que aínda estexan indecisas como as animarías a vir ao Candeloria?

Se queren colaborar co festival, coa asociación, pasalo ben e escoitar boa música, este é o seu lugar. Ademais, teñen que vir probar o licor-café de Lugo que, despois do de Ourense, é o mellor!

Podes ver unha escolma de imaxes da II edición na nosa web.