Nace un novo festival audiovisual: o Novos Cinemas de Pontevedra

Nace un novo festival audiovisual: o Novos Cinemas de Pontevedra
Presentación esta mañá no Museo de Pontevedra
Presentación esta mañá no Museo de Pontevedra  

Pontevedra tamén quere ter festival de cinema. Hoxe vén de presentarse unha nova cita co audiovisual que acollerá na sección oficial nove filmes de países como China, Brasil, Estados Unidos, Francia ou Portugal.


O Festival Novos Cinemas presentou no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra a súa programación completa para esta Edición 01, que se desenvolverá dende o 28 de xuño ao de 3 xullo na cidade. No acto estiveron presentes Anxos Riveiro -Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra-, Juan Manuel Corbacho -Vicerreitor do Campus de Pontevedra da UVigo-, Jacobo Sutil -director da AGADIC-, Carmela Silva Rego -Presidenta da Deputación de Pontevedra-, Carla Andrade -artista e autora da cabeceira desta edición do Festival- e Daniel Froiz -director executivo de Novos Cinemas-.

Unha das principais finalidades de Novos Cinemas é “detectar, difundir e promover o talento dos cineastas que dan os primeiros pasos neste mundo”. Por este motivo, a Sección Oficial focaliza a súa atención nas primeiras e segundas longametraxes. Co obxectivo de dar cabida ás propostas máis novas e suxerintes, o certame non fai distincións nin sobre a natureza dos filmes nin sobre a súa procedencia xeográfica. Os nove filmes en competición -tal e como apuntou Daniel Froiz, director executivo do Festival- representan a diversidade e riqueza estética que caracteriza ao cinema internacional máis actual.

Co obxectivo de “artellar unha programación accesible a toda a poboación”, a programación de Novos Cinemas abrangue aspectos como a exhibición cinematográfica -presentando obras de cineastas emerxentes procedentes de diversos países como China, Brasil, Estados Unidos, Francia ou Portugal–, a formación e o encontro entre profesionais, cunha marcada vertente lúdica. Entre as principais actividades de Novos Cinemas destacan, ademais da sección oficial, unha retrospectiva a José Luis Guerín e a sección +Novos, con cinema de autor feito por rapaces de primaria e secundaria, a recuperación dun clásico incuestionable do cinema infantil e unha das comedias de adolescentes máis sorprendentes da tempada.

Outras seccións son 'Baixo as estrelas', que proxectará 'Esa sensación' e 'Os exiliados románticos'; 'Por primeira ou última vez': en homenaxe a Nicholas Ray proxectarase a súa primeira longametraxe They live by night (1948); e 'Encontros': espazo adicado ao sector dentro do festival.